6 de dec. de 2016

CULTURA

Olalla Cociña gaña o XIV Premio de Poesía Afundación 2016 coa obra ‘Vestir a noite’ 

Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación promoven este certame, dotado con 6.000 euros e a publicación do poemario na colección Arte de Trobar

No acto estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; Luis González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia; e Xabier Castro Martínez, secretario do xurado.


Infogauda / Santiago de Compostela


 Olalla Cociña é a gañadora da décimo cuarta edición do Premio de Poesía Afundación, un certame que veñen convocando Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de favorecer a creación literaria en galego. ‘Vestir a noite’ é o título da obra galardoada na décimo cuarta edición do premio, á que concorreron un total de 33 traballos.
 A resolución do xurado, composto por Dores Tembrás, escritora; Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Ana Abelenda, xornalista e crítica literaria en La Voz de Galicia; e Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado, tivo lugar onte a tarde na Sede Afundación Santiago de Compostela. No acto estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; Luis González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia; e Xabier Castro Martínez, secretario do xurado.

 Durante a rolda de prensa, o secretario xeral de Cultura felicitou a gañadora e gabou “o rigor” do traballo do xurado, ao tempo que se referiu ao certame como “un dos premios literarios máis importantes do noso sistema cultural, co que a Xunta de Galicia vén colaborando compartindo cos promotores ese obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética”.

 Anxo Lorenzo afirmou que o Goberno galego continuará apoiando o Premio de Poesía Afundación no convencemento de que é “unha convocatoria moi importante para promover a creación poética entre os nosos autores e autores, para visibilizala e para contribuír á súa publicación, dentro da colección Arte de Trobar, e para o enriquecemento da creación cultural galega dos nosos días”.
 ‘Vestir a noite’, presentada pola súa autora baixo o lema Tillandsia, é, en palabras do xurado, “unha proposta poética ben artellada e consciente da súa macroestrutura. Un traballo compacto con grandes virtudes expresivas e que ofrece unha visión harmónica dos espazos e dos tempos”. Tamén destacou o xurado “a imaxinería naútica e a habelencia na clausura dos textos de ‘Vestir a noite’, que lle “aporta ao panorama da nosa lírica unha proposta dinámica e refrescante”.

Promover a creación literaria en galego

 O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, entre outros.

A premiada

 Olalla Cociña Lozano naceu en Viveiro (Lugo) en 1979. Licenciada en Ciencias da Comunicación, vive en Santiago. Obtivo no 2000 o premio de poesía ‘O Facho’. Publicou os poemarios ‘As cervicais da memoria’ (Premio Avelina Valladares 2004), ‘Aquí’ (intemperies) (2006), ‘Libro de Alicia’ (Premio Fiz Vergara Vilariño 2008, editorial Espiral Maior) e ‘Ningún precipicio’ (Toxosoutos, 2013). A súa obra pódese atopar tamén en publicacións colectivas e antoloxías como ‘Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia’, ‘Poetas con Rosalía’, ‘Volverlles a palabra’, ‘Letras novas’, ‘Sentimentalismo. Antoloxía de referencia’. ‘Etapa de implantación, Novas de poesía’ (Fundación Uxío Novoneyra 2013) ou ‘Punto de ebullición: Antología de la poesía contemporánea en gallego’ (2015). Entre 2011 e 2015 coorganizou o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Ten impartido talleres de animación á escritura e á lectura.

Traxectoria do premio

 O galardón comezou a andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario