5 de dec. de 2016

TUI

CORES TOURÍS ANALIZOU CO GRUPO DE GOBERNO DE TUI AS DEMANDAS DO CONCELLO EN RELACIÓN Á ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

 O novo delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a este concello con motivo do seu nomeamento


De esquerda a dereita: Miguel Ángel Capón Rey, Enrique Cabaleiro González, Laureano Alonso Álvarez eJosé Manuel Cores Tourís

 Infogauda / Tui 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou este luns día 5 de decembro, unha visita institucional ao concello de Tui onde mantivo unha entrevista co seu alcalde, Enrique Cabaleiro González, e os concelleiros Miguel Ángel Capón Rey e Laureano Alonso Álvarez, os que lle transmitiron as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.  

 O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.   

 Entre as principais necesidades que demandou o Grupo de Goberno de Tui  ao delegado territorial atópanse cuestións relacionadas coas infraestruturas e o urbanismo.  

 O alcalde de Tui interesouse polos avances no enlace do polígono de Areas, proxecto que, tal e como lle trasladou Cores Tourís, atópase moi avanzado. Neste punto conflúen a futura VAC á Guarda, a autovía A-55 que enlaza Vigo con Portugal, a N-551 que une Tui coa Ponte Internacional e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño e conecta o polígono empresarial.   

 Tamén expuxo o rexedor a necesidade de que se axilice a execución da rotonda de acceso á Edar de Guillarei, de cara a mellorar a seguridade viaria neste punto, así como que a Consellería de Educación analice a viabilidade da execución dun novo colexio de liña I en Pazo de Reis, toda vez que na anterior lexislatura xa se conseguiran os terreos necesarios para executar esta obra.      

 Por outra banda, o alcalde asegurou que existe demanda para unha segunda escola infantil nesta localidade, cuestión que manifestou ao delegado para vela súa viabilidade.     

 Finalmente, Enrique Cabaleiro tamén preguntou pola tramitación do Plan Especial do Conxunto Histórico, transmitíndolle Cores Tourís que a Xunta de Galicia, a través de Patrimonio, realizou varias alegacións que foron trasladadas ao concello. “Agora agardamos que o municipio dea responsa a estas alegacións e sexas devoltas á Xunta”, explicou o delegado territorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario