17 de dec. de 2016

BAIXO MIÑO

O GRUPO DE DESENVOLVEMENTO RURAL AGDR 14 MAIV-BAIXO MIÑO, CONTARÁ CON MÁIS DE 3 MILLONS DE EUROS

Para fomentar proxectos de dinamización  

A principios de ano abrirase a convocatoria de solicitudes de axudas, para levar a cabo novas iniciativas de carácter privado e público     

A alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo, Sandra González, asinou con AGADER, o respectivo convenio de colaboración, que permitirá xestionar máis de 3 millóns de euros
Foto: C. T.

Infogauda / Tomiño

 A estratexia de acción presentada á convocatoria 2014-2020 do programa europeo Eixo-Leader, por parte do grupo de desenvolvemento rural AGDR 14 MAIV-Baixo Miño, vén de ser aprobada pola Xunta de Galicia.  

 Deste xeito, o pasado día 13 de decembro, a alcaldesa de Tomiño e presidenta do Grupo, Sandra González, asinaba con AGADER, o respectivo convenio de colaboración, que permitirá xestionar máis de 3 millóns de euros, co fin de fomentar o desenvolvemento das zonas rurais.  

 A aprobación desta estratexia dará continuidade aos programas Leader anteriores (a partir do período 2007-2013), cos que se xestionou un total de 136 proxectos públicos e privados, empresariais, ambientais e de dinamización, que supuxeron o investimento de preto de 6 millóns de euros de fondos públicos y máis de 13 de inversión privada. Esta inxección de capital permitiu consolidar proxectos empresariais de diversa índole, dirixidos a dinamizar o rural, así como a creación de máis de 400 postos de traballo. Un destes proxectos foi a construción da sede da Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, en Tomiño, dentro do grupo de actividades de benestar social.  

 O Leader fixo realidade tamén 21 proxectos executados por comunidades de montes, como a de Couso, en Tomiño, con plantación de setas shiitake. Así mesmo, beneficiáronse  entidades públicas, que puideron levar a cabo iniciativas como a senda do río Miño, entre Goián (Tomiño) e As Eiras (O Rosal).  
 O AGDR 14 MAIV-Baixo Miño está formado polos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tui e Tomiño, nos que habitan unhas 145.000 persoas.  

 A nova etapa de xestión do  AGDR 14 terá tamén como propósitos, financiar iniciativas de mellora do nivel de vida no rural, fomentar a actividade empresarial, xerar emprego e riqueza, por en valor o patrimonio cultural e natural, etc. 

 Con este fin, a  Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV Baixo Miño, convocou un procedemento de selección do equipo xestor do AGDR 14, para a provisión dunha praza de xerencia e dúas de persoal técnico, quedando como xerente Marco Antonio García e como técnicos, Eva Gil e Jenaro Abeledo.  

 O primeiro deles informou hoxe que a principios de ano se abrirá a convocatoria de solicitudes de axudas, para levar a cabo novos proxectos de desenvolvemento e dinamización do rural.     

 Medida LEADER 2014-2020  
 O enfoque Leader, como instrumento de desenvolvemento territorial integrado no nivel local, fomenta o desenvolvemento das zonas rurais, baseado nun sistema integrado, innovador e multisectorial, partindo dos recursos e necesidades endóxenas do territorio e dende unha perspectiva “de abaixo a arriba“.  

 Un GDR é unha entidade de natureza asociativa sen ánimo de lucro, integrada por un grupo de socios públicos e privados locais dun territorio determinado e que deseña e aplica unha estratexia de desenvolvemento local para o seu territorio de actuación.  

 O GDR 14 abarca 13 concellos: Baiona, Fornelos e Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.

 Na actualidade o grupo ten 224 entidades asociadas, públicas e privadas. Están organizadas en mesas sectoriais en función da súa natureza:  
· Institucional 
· Muller 
· Montes e Medio Ambiente 
· Desenvolvemento económico 
· Veciñal, Cultural, Deportiva e Xuvenil 
· Acción social 
· Agro – Gandeira  

Ningún comentario:

Publicar un comentario