A Deputación organiza sesións específicas sobre o té galego na feira Etiqueta Negra
Nestas sesións incluirase té procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado deste cultivo
Infogauda / Pontevedra
A Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organiza cinco obradoiros sobre o té galego no marco da feira gourmet 'Etiqueta Negra', que se celebrará do 12 ao 14 de novembro no Recinto Feiral de Pontevedra. Para isto instalará unha tetería na que o especialista en té Carlos Riaño impartirá sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, propiedades e a forma correcta de preparalo. Para participar nestas sesións establécese un máximo de 20 participantes en cada unha e será imprescindible inscribirse con antelación na propia tetería.
"Con esta iniciativa contribuímos a este salón especializado cun contido de calidade e novidoso, posto que o té, en contra do que poidamos pensar, é moito máis descoñecido do que parece, e o que pretendemos é que tanto profesionais da hostalaría e das tendas de té como o público xeral coñezan a forma correcta de preparalo e as súas particularidades" asegura a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde. Ademais, nos momentos nos que non se celebren os obradoiros, a tetería funcionará como expositor de información relacionada co té, e nomeadamente co té galego e as investigacións que sobre este cultivo se teñen realizado na EFA. Neste sentido, Eva Vilaverde sinala que "para nós é moi importante poñer en valor as potencialidades produtivas da camelia, que tanta tradición ten nesta provincia, e que as persoas emprendedoras teñan en conta este cultivo e as súas posibilidades no mercado".
Hai que lembrar que o té se prepara, só e exclusivamente, a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis. Un xénero que habitualmente se pode atopar nos xardíns galegos como planta ornamental, posto que se adapta a multitude de usos como arbusto, como sebe ou simplemente como planta de testo para terrazas. Pero a Camellia sinensis tamén pode ser cultivada de forma intensiva para a produción de té para o consumo familiar ou para a venda.
O té galego
A Camelia, tamén coñecida como ‘a flor das Rías Baixas', atopou na provincia de Pontevedra unhas condicións edafolóxicas e climatolóxicas idóneas para o seu cultivo, converténdose na actualidade na zona de todo o Estado español máis representativa en canto a número de exemplares. Aínda que a camelia se implanta nun primeiro momento con fins ornamentais, a día de hoxe xa comezan a agromar iniciativas relacionadas co seu aproveitamento produtivo. Así, algúns emprendedores e emprendedoras xa están traballando na elaboración de produtos derivados deste cultivo e orientados ao mercado, como poden ser os xabóns e cremas realizados a partires da camelia, o aceite para uso cosmético e culinario, ou, por suposto, o té.
Na investigación e asesoramento sobre os usos produtivos da camelia ten un papel determinante a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que a día de hoxe conta con máis de 5 hectáreas dedicadas ao cultivo de diferentes especies froiteiras e ornamentais, entre as que destaca unha importante colección de camelias con máis de 40 especies e 700 cultivares. O equipo de investigación da EFA ten realizado estudos sobre o comportamento das especies de camelia xa establecidas en Galiza, e conta cunha plantación experimental de té de Camellia sinensis utilizada para analizar o comportamento e adaptación desta especie. Actualmente, nas instalacións do centro tamén se procede ao procesado e manufacturado do té cultivado.
Este traballo investigador da EFA deu como resultado a posibilidade de que Galiza converta o té nun cultivo que aporte novas liñas de desenvolvemento para o sector produtivo. Así, despois de 10 anos analizando variedades e comprobando cal é a que mellor se axusta para estes fins, a EFA lidera un proxecto único en todo o Estado asesorando a emprendedores e empresas que están a apostar polas plantacións dedicadas á produción de té 100% galego.
Horarios dos obradoiros de té:
Sábado 12 de novembro: de 17:00 a 18:30 horas
Domingo 13 de novembro: de 13:00 a 14:30 horas; e de 17:00 a 18:30 horas
Luns 14 de novembro: de 12:00 a 13:30 horas; e de 16:15 a 17:45 horas
Ningún comentario:
Publicar un comentario