AÍ VÉN O XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA
• Esa conmemoración, con 670 anos de antigüidade, celebrarase o sábado día 30 de agosto, coa participación mixta de freguesas das sete parroquias de A Guarda e O Rosal
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Despois de moitos anos sen poderen facelo, as mulleres puideron - en 2024 -, volver participar na celebración de Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega. Esa nova situación non debería ser noticia, se o relato e a decisión que no seu día as apartou desa tradición non se houbesen producido. As mulleres nunca deberon ser excluídas. Nunca. Pero fórono.
Na edición precedente, por oportuna iniciativa do presidente da Irmandade do Clamor, e a súa vez, párroco de Santa María de A Guarda, Juan José González Estévez, as mulleres voltaron a estar en pé de igualdade cos homes, no Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega. Dese xeito, rectificouse unha anómala situación, que nunca debeu producirse, e as donas voltaron a participar nesa antiquísima tradición, do mesmo xeito que viñérono facendo os varóns.
A preguntas deste cronista, un devoto de Santa Trega, cuxa identidade cónstanos, díxonos: "Que o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega sexa mixto motivou que en 2024 a ermida estivese chea de persoas. Senón seríamos tan só un grupo pequeno de homes, que por razóns de idade, cada vez somos menos. Non hai relevo. (...)".
Irmandade do Clamor
A Irmandade do Clamor, cuxa existencia conta con 885 anos, xa que foi formalmente establecida no ano 1140 (e súas constitucións aprobounas o bispo de Tui D. Paio Menéndez nese mesmo ano); organiza cada ano, na ermida de Santa Trega, catro celebracións: a do Luns de Pentecostés, adicada ao Espírito Santo e á Virxe do Mar; o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega (que orixinariamente tiña lugar o luns infraoctavo da Asunción, e que desde fai moitos anos está sendo no último sábado de agosto); a festividade de Santa Trega, o 23 de setembro, e a de San Estevo, o 26 de decembro.
Polo seu carácter,
destaca sobre todas elas, O Voto a Santa Trega, unha tradición que provén do
ano 1355 - que segundo o Chronicon Conimbricense (un
manuscrito contendo textos analíticos redactados no mosteiro de Santa Cruz, de
Coimbra, a finais do século XII) "este foi o anno mais seco
que os homens viron" -, e ao que viñan asistindo únicamente
homes.
Segundo a tradición, o
Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega ten relación directa cunha seca que
se padeceu na comarca do Baixo Miño durante sete anos. Iso trouxo aparellada
diversas epidemias que produciron desolación e miseria. No libro de San
Isidoro, de Caminha, está documentado que a auga foi racionada.
O último sábado de
agosto celebrarase o Voto a Santa Trega
A aparición de
Santa Trega e as posteriores rogativas e actos de penitencia, foron o inicio do
Voto a Santa Trega. A tradición rememorarase un ano máis, o sábado día 30 de
agosto, a partires das 20:30 h., en que as mulleres e
homes de sete das parroquias (Santa María de A Guarda, San Lourenzo
de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de
Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras) do arciprestado de A
Guarda, precedidos por unha cruz procesional, partirán con carácter penitencial
desde o parque do Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos
cumes do monte Santa Trega. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de
San Pablo e primeira mártir do cristianismo, rezarase o santo rosario e o vía
crucis meditado.
A entrada no atrio
da ermida efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do
Clamor. A continuación o actual presidente da Irmandade do Clamor, procederá a
celebración eucarística. Rematada ésta, efectuará - en latín - a beizón do
pan.
Logo do canto do Veni Creator Spiritus (himno cristián en latín, que invoca ao Espírito Santo, cuxo texto atribúese a san Rábano Mauro, douto monxe do século IX) coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe outros particulares - "(...) Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrie eleison, (...)" -, darase a coñecer o novo presidente e o capelán da Misa da Alba.
A continuación, o
presidente da Irmandade do Clamor mostrará o relicario de Santa Trega (que
contén unha reliquia da santa, concedida polo arcebispo de Tarragona, o 1º de
agosto de 1950, ao bispo da diócese Tui-Vigo, frei José López Ortiz, quen a
entregou o 31 de agosto dese ano a Agustín Nandín Lomba, crego guardés que foi
prior da Irmandade do Clamor). Relicario que ata antes da pandemia da Covid-19
viña sendo bicado polos devotos. Simultáneamente efectuarase a repartición dos
pans, dando así por rematados - ao redor das 23:00 h. - os actos do Xubileo
Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o
século XIV, e que por causa da devandita pandemia non se celebrou nos anos 2020
e 2021.
Santa Trega: avogosa
da cabeza e do corazón
Ademais do relicario, que se viña dando a bicar aos fieis nas catro celebracións ás que antes nos referiamos, tamén existe un relicario do Lignum Crucis (fragmento da Cruz na que foi crucificado Xesucristo, doado por frei Rosendo Salvado Rotea, monxe bieito - que foi bispo de New Norcia (Australia) - moi relacionado co convento da Transfiguración do Señor, de A Guarda), onde seu irmán Miguel de los Santos Salvado Rotea (Tui, 6 de xullo de 1811 – A Guarda, 17 de abril de 1894), sacerdote e fotógrafo, foi capelán.
Relicarios do Lignum Crucis e de Santa Trega
Ao longo de todo o ano,
numerosos devotos procedentes de diversos países, acuden ao santuario do Monte
Santa Trega, e depositan aos pés da imaxe da protomártir Santa Trega, centos de
exvotos de cera, representando cabezas e figuras antromorfas, e tamén fotografías tamaño carné, que se van incorporando a
álbums -, así como esmolas en metálico, agradecendo ou pregando a intercesión
da santa, que está considerada avogosa das doenzas da cabeza e do corazón, e
patroa dos ermitáns.
Ademáis dos
guardeses e veciños da comarca do Baixo Miño, os pescadores de Póvoa de Varzim
son moi devotos da protomártir Santa Trega, como quedou acreditado na antiga
porta da ermida da santa, onde deixaron gravadas súas marcas, ademáis doutros
lugares dos que temos constancia, como ainda pode comprobarse a día de hoxe.
Aquela porta, infortunadamente perdeuse, máis hai documentos gráficos que
acreditan á presenza das marcas poveiras na porta principal do santuario. En
todo caso, A Guarda - que na cidade de Póvoa de Varzim conta cunha rúa que leva
o topónimo do noso concello - erixiu unha estela de pedra, situada a carón da
ermida do Trega, cunha praca conmemorativa que leva o seguinte
texto:
MARCAS POVEIRAS
HOMENAXE A PÓVOA DE
VARZIM
23-9-1991
Festividade de Santa Trega
A festividade de Santa Trega - padroeira do arciprestado de A Guarda - celébrase cada 23 de setembro. Unha data na que logo de moitos anos en que as mulleres de A Guarda - especialmente as da Marina (como se dí empregando o localismo guardés) -, foron quen souberon manter a devoción e a tradición; desde fai varias décadas, toda a poboación guardesa participa de forma activa nas celebracións eclesiásticas, na solemne procesión e na "poxa dos froitos", así como na romaría tradicional que afortunadamente - e que sexa por moitos anos -, aínda conserva a súa esencia tradicional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario