Exposición O rostro das letras. Escritores e fotógrafos en España, desde e o Romanticismo ata a Xeración de 1914
Museo de Pontevedra
Esta exposición iníciase na época do Romanticismo con máis dun século de historia da fotografía e da literatura en España, ata a súa extinción cos últimos membros da Xeración do 98 e a do 14, anos escuros do franquismo. A partir da análise do retrato fotográfico español as fotografías condúcennos, coma un “lazarillo”, desde os primeiros anos do daguerrotipo deica a morte de Azorín (1967) e de Pío Baroja (1956). Percorreremos os anos que precederon a idade de ouro do retrato, a apoteose da carte de visite, a evolución posterior dos formatos e a época dos estudios nos que os fotógrafos construían a máscara das súas personaxes e así chegamos á revolución que supuxeron o desenvolvemento do periodismo ilustrado e a crise do retratismo de galería, iniciada na década de 1910.
A través das fotografías, os álbums, as publicacións ilustradas, os obxectos, as postais e as fototipias coñecemos os traballos dos grandes mestres da fotografía do século –Laurent, Martínez Sánchez, Franzen, Compañy, Alfonso, Calvache, Antonio García, Marín, Venancio Gombau, Campúa e tantos outros–, cos que se construíu a iconografía fotográfica das letras españolas. Entre os seus representantes máis ilustres están desde os románticos, Bécquer, Rosalía de Castro e José Zorrilla, ata os membros das xeracións do 98 e do 14, encabezados por Pío Baroja, Azorín, Valle-Inclán, Rubén Darío, Blasco Ibáñez, Antonio Machado, Ortega y Gasset, Gregorio Marañón, Juan Ramón Jiménez e Gómez de la Serna. O relato detense ás portas da Xeración do 27, cuxos membros son protagonistas dun tempo xa novo da fotografía e da literatura, nunha España agraviada polas feridas da Guerra Civil e o exilio. Un relato gráfico dun século apaixonante da cultura española contemporánea, construído a partir do poder evocador da fotografía, a linguaxe máis eficaz para, polo menos, nos consolar da desconsideración do esquecemento.
PUBLIO LÓPEZ MONDÉJAR
Comisario da exposición
VISITAS GUIADAS:
Todos os sábados ás 18:00 h, a partir do 22 de outubro.
Os grupos interesados poderán realizar visitas guiadas, noutros días e horas, poñéndose en contacto previamente co Gabinete Didáctico no correo electrónico: gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono: 986 804 100 extensión 42413 (de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30).
Sexto Edificio. Do 7 de outubro ao 27 de novembro de 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario