25 de out. de 2016

VIGO

O Museo do Mar abre ao público este sábado os novos acuarios e a exposición permanente de xoguetes

Os conselleiros de Cultura e Educación e do Mar en funcións visitaron o centro museístico, onde coñeceron de preto os novos espazos visitables

Os catro pequenos acuarios albergan cabaliños de mar, peixes pipa, camaróns, cangrexos ou arañas de mar, mentres que a nova mostra está conformada por pezas con máis de cen anos de antigüidade  

Na visita ao Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, Rosa Quintana destacou o valor do centro, recoñecido como Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación dende outubro de 2015

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Mar en funcións, Román Rodríguez e Rosa Quintana, respectivamente, visitaron hoxe o Museo do Mar de Galicia
Foto: X. de G. 

Infogauda / Vigo

 Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Mar en funcións, Román Rodríguez e Rosa Quintana, respectivamente, visitaron hoxe o Museo do Mar de Galicia, onde puideron coñecer de preto os dous novos espazos que se abrirán este sábado ao público xeral. En concreto, son catro pequenos acuarios, que se suman ao Acuario central do museo, e unha sala para a exposición permanente dedicada aos xoguetes.
 Tal e como explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, o espazo da mostra, denominado “Ludomar”, está constituído por unha parte da colección da Fundación Raquel Chaves, formada por máis de 20.000 pezas en total. Algunhas das pezas expostas no centro museístico teñen máis de cen anos de antigüidade, o que nos permite, en palabras de Román Rodríguez, “emprender un percorrido fiel pola historia do xoguete ao longo do último século”.
 A nova exposición permanente –cuxas pezas foron cedidas por Antonio Chaves, máximo responsable da dita Fundación, e depositadas no museo hai dous anos– estrutúrase en varios bloques temáticos: desde a praia, o cine e a escola ata o xoguete rústico e industrial ou os barcos.
 Por outro lado, a partir desta fin de semana tamén se poderán visitar os catro novos acuarios. Os dous primeiros, denominados “Zostera mariña” e “Zostera noltii” están dedicados aos cabaliños de mar e aos peixes pipa, procedentes do CSIC. O terceiro amosa un fondo de Maërl, composto maiormente por algas coraliformes. Neste espazo, os visitantes poderán observar camaróns, gobios nadadores, cangrexos e arañas de mar. Por último, o cuarto acuario inaugúrase con ovos de patarroxa e raia, aínda que se trata dun contedor aberto ao cambio, no que se introducirán as novidades do museo.

Visita Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro


 Ambos conselleiros visitaron tamén o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Alí, a conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, destacou o valor deste instituto, recoñecido como Centro de Referencia Nacional na área profesional de Pesca e Navegación dende outubro de 2015.

 Segundo lembrou a titular de Mar en funcións, esta declaración do instituto vigués vén amparada baixo un convenio de colaboración asinado entre a Consellería do Mar -a través da dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro- e o Ministerio de Empleo y Seguridad social -mediante o Servicio Público de Empleo Estatal-. Nese acordo establécense as condicións de colaboración de ambas institucións no eido da innovación e experimentación en materia de formación profesional. Ao abeiro deste acordo entre as dúas administracións, o instituto incorpórase á rede de centros de referencia nacional no ámbito da formación profesional.
 Durante a visita Rosa Quintana tamén destacou a aposta decidida da Xunta pola formación e lembrou que este ano o seu departamento destina máis de 2,5 millóns de euros aos centros de ensino náutico-pesqueiro e ás accións formativas en portos. O obxectivo, engadiu, é seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade. Así mesmo, destacou que nos últimos anos medraron de forma importante as matrículas e lembrou que o alumnado das escolas náutico-pesqueiras e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura aumentou nun 46% desde 2009.
 O Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo é un dos catro centros de ensino da Consellería do Mar nos que se imparten ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras a través de formación regrada (ciclos formativos) e tamén con formación non regrada (cursos que adoitan ser de menor duración e que se imparten atendendo ás necesidades formativas do sector nos centros e nos portos). Entre as súas instalacións conta con diferentes aulas de debuxo, electricidade, redes, pneumática e hidráulica, seguridade, simuladores de pesca, navegación e motores, entre outros. Ademais este instituto ten á súa disposición o buque escola Valentín Paz Andrade e conta con residencia para o alumnado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario