16/10/2016

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra destina 60.000 € á primeira edición de "Tecendo Lazos" 

O programa pretende impulsar relacións entre xeracións encamiñadas á construción de sociedades máis xustas, integradas e solidarias 



Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, por importe de 60.000 €, da organización, desenvolvemento e execución da primeira edición do programa "Tecendo lazos". O programa, impulsado polo servizo de Cohesión Social e Xuventude, ten como obxectivo desenvolver obradoiros entre xeracións no ámbito do lecer e do tempo libre, encamiñados a construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias partindo do impulso dos lazos afectivos.  

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "a través de "Tecendo lazos" pretendemos promover o envellecemento activo das persoas maiores, mellorando a súa actividade física, cognitiva e social e mellorar as habilidades sociais, empatía e tolerancia cara o diferente das mozas e mozos da provincia". 

  "Tecendo lazos" terá vixencia ata o 15 de xaneiro de 2017 e será ofertado a todos os concellos de menos de 20.000 habitantes en forma dos obradoiros "Risos en familia", "Coas mans nos pucheiros", "Álbum familiar", "Brincadeiras de sempre" e "O noso son". Nestas actividades terán preferencia as persoas que se anoten en familia e pertenzan a diferentes xeracións.

Ningún comentario: