16 de out. de 2016

MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente impulsa un programa de actividades sobre o outono nas Illas Atlánticas entre o 17 e o 23 de outubro 

Todas as actividades, que serán de balde, teñen o obxectivo de potenciar o coñecemento deste espazo natural fóra da temporada estival

Vexetación dunar nas Illas Cíes
Foto: Infogauda

Infogauda / Galicia

 A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsará entre o 17 e o 23 de outubro unha programación de actividades –todas elas de balde- para potenciar o coñecemento fóra da temporada estival do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
 Durante a fin de semana (22 e 23 de outubro), haberá actividades guiadas no arquipélago de Cíes, dirixidas a público xeneral, e que permitirán apreciar a importancia das dunas, ampliar o coñecemento sobre as árbores das illas e gozar da súa paisaxe. Tamén están previstas actividades especiais sobre as “meigas das illas”, dirixidas a público familiar.
 Cabe lembrar que o Centro de Visitantes do Parque Nacional -no Edificio Cambón, en Vigo- ofrece todos os días da semana visitas guiadas gratuítas, tanto en horario de mañá como de tarde.
 Nesta programación especial de outono, terán lugar tamén dúas charlas sobre a contaminación nas rías (martes 18) e sobre a flora en Sálvora e outros espazos protexidos de Galicia. Ademais, o venres, día 21, organizarase unha sesión de “Cine en Verde”.
 Están previstas actividades tamén para os máis pequenos, con obradoiros infantís sobre astronomía (sábado 22), dentro das actividades de difusión da certificación do Parque Nacional como destino turístico Starlight.
 Pódese obter máis información sobre as actividades no centro de visitantes do Parque Nacional, situado na rúa Palma de Vigo, en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,30, ou ben a través do teléfono 886 21 80 82.

Ningún comentario:

Publicar un comentario