16 de out. de 2016

PONTEVEDRA

Un grupo de 323 maiores da provincia gozarán a próxima semana co programa "Depotermal" da Deputación 

Aproveitarán unha semana de tratamentos termais nas Termas de Cuntis, no Talaso Atlántico de Oia, no Balneario de Mondariz e no Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo onde tamén realizarán visitas e saídas para coñecer a zona 


Infogauda / Pontevedra

 Un grupo de 323 persoas maiores de 31 concellos da provincia participarán ao longo da semana que vén no programa "Depotermal" da Deputación de Pontevedra, que promove o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas de idade. Trátase dunha iniciativa, que se desenvolve entre setembro e decembro, da que se benefician máis de 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna ou con aloxamento completo.  

 Entre o luns 17 e ata o venres 21 de outubro un total de 104 persoas de 7 concellos da provincia (Meis, Portas, Caldas, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e A Estrada) gozarán do programa diúrno de "Depotermal" nas Termas de Cuntis e no Talaso Atlántico de Oia.  

 Dende o domingo 16 e ata o venres 21, un total de 46 persoas dos concellos de Pontevedra,Cotobade, Poio, Meaño, Vigo, Sanxenxo e Cambados gozarán dunha estancia completa no Talaso Atlántico de Oia. Ademais dos tratamentos termais no establecemento, aproveitarán a estancia en Oia para realizar visitas e saídas para coñecer o entorno natural e histórico da zona.  

 Tamén nas mesmas datas un grupo de 34 persoas dos concellos de Vigo, Mos, Cangas, Gondomar e Bueu acolleranse á modalidade de pernoctación do programa "Depotermal" nas Termas de Cuntis, onde terán a oportunidade de realizar visitas turísticas polo concello. 

 Ata o Balneario de Mondariz se desprazarán entre o domingo 16 e o venres 21 un total de 92 persoas dos concellos de Pontevedra, O Porriño, O Rosal, Tomiño, Nigrán, Vigo, Marín, Cuntis, A Illa de Arousa, Baiona, Redondela, A Guarda, Gondomar, Mos, Portas, Poio e Vilagarcía de Arousa. Ademais dos tratamentos termais, aproveitarán a estancia en Mondariz Balneario para realizar visitas para coñecer tanto o entorno natural como o histórico.  

 Nas mesmas datas un grupo de 47 persoas dos concellos de Vigo, Cangas, Bueu, Cerdedo, O Covelo, Pontevedra, Nigrán e Marín desprazaranse ata o Hotel Spa Carlos I de Sanxenxo para gozar da modalidade de pernoctación do programa "Depotermal". O grupo completará os tratamentos termais con visitas e excursións pola localidade.  

 Durante este mes e no que queda de ano, máis de 4.000 maiores da provincia gozan do programa "Depotermal" a través das súas dúas modalidades. Un total de 2.855 fano con aloxamento nocturno e 1.431 fan só uso da asistencia diúrna aos establecementos termais. Cómpre salientar que, por primeira vez este ano, reserváronse preto de 450 prazas para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión, que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos.

 Na modalidade diúrna, os establecementos dispoñibles son Termas de Cuntis, Eurostars Isla da Toxa, Balneario de Mondariz, Talaso Atlántico de Oia, Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo), Notal Marina Spa no Grove, Spa Torre do Deza en Lalín e Spa Vía Argentum en Silleda. Na modalidade con aloxamento están o Balneario de Mondariz, Gran Hotel Talaso en Sanxenxo, Hotel Spa Carlos I en Sanxenxo, Termas de Cuntis, Talaso Atlántico en Oia, Talaso Hotel Louxo A Toxa, Spa Torre do Deza en Lalín e o Hotel Nuevo Astur Spa en Vilalonga (Sanxenxo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario