24 de out. de 2016

PONTEVEDRA

O goberno da Deputación súmase á campaña "Pon unha bolsa na túa vida" 

Carmela Silva manifestou o seu apoio á Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal (ASSEI) e subliñou a necesidade de visibilizar ás persoas ostomizadas  


Infogauda / Pontevedra

 O goberno da Deputación de Pontevedra súmase á campaña "Pon unha bolsa na túa vida", organizada con motivo do Día Mundial do Paciente Ostomizado. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que en España "hai preto de 100.000 persoas que conviven diariamente cun estoma polo que resulta fundamental visibilizar tanto ás persoas ostomizadas como as que as acompañan, ó persoal de enfermería, estomaterapeutas e médicas e médicos que se encargan de velar pola súa calidade de vida".  

 Carmela Silva recordou que as persoas ostomizadas teñen unhas necesidades sociosanitarias concretas que deben satisfacer para levar unha vida completamente activa. "Sen embargo –tal e como manifestou a Presidenta da Deputación- os recortes que están a afectar á sanidade pública teñen unha estreita relación coa calidade de vida das persoas ostomizadas". De feito, entre outras moitas cuestións, Carmela Silva recordou que os recortes están a impedir que se abran consultas especializadas en ostomía, con estomaterapeutas coa formación adecuada, con psicólogos que poidan atender a estas persoas e as súas familias, ocasionando que as persoas con estoma se sintan desprotexidas. Neste contexto, a Presidenta da Deputación recordou que "o 40% dos hospitais públicos non contan con consulta de ostomía o que implica que o 36% das persoas ostomizadas non teñen acceso a unha atención especializada". Tamén fixo fincapé Carmela Silva na necesidade dun maior investimento na formación de persoal de enfermería especializada e de impulsar un maior coñecemento sobre os coidados que se deben proporcionar tanto ás persoas ostomizadas como á súa familia.  

 A presidenta da Deputación subliñou que "pese a que non temos competencias en materia sanitaria, instamos á administración autonómica e estatal a que non escatimen nin un céntimo dos recursos públicos para ter unha sanidade pública de calidade. No caso concreto das persoas ostomizadas, están a xurdir xa estudos científicos que demostran que a calidade de vida das mesmas mellora un 15% e o custe sanitario se reduce ata o 50% cando estas persoas teñen acceso a algo tan sinxelo como unha ou un estomaterapeuta. Amais, tamén se comprobou que se existisen unidades específicas con persoal específico en ostomía, o 15% das persoas con estoma mellorarían a súa calidade de vida, o 20% terían menos dor e malestar, o 11% menos depresión e o 17% precisarían menos axuda na súa vida diaria".  

 Carmela Silva reiterou a necesidade de recuperar o sistema público sanitario para que sexa realmente público, universal, gratuíto e de calidade, que se preocupe polas persoas enfermas, que teña como eixo de traballo a toda a cidadanía e non unicamente á que ten recursos, que aposte polos profesionais sanitarios, por persoal técnico e especializado e que impulse, por riba de todo, a investigación, formación e a innovación".

Ningún comentario:

Publicar un comentario