24 de out. de 2016

SANXENXO

A Deputación envía as novidades do servizo editorial ás bibliotecas municipais con motivo do Día da Biblioteca 

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, visitou esta mañá a Biblioteca Municipal de Sanxenxo para facer unha entrega simbólica de libros e coñecer de preto a súa realidade diaria 

O deputado Xosé Leal, acompañado pola responsable do Servizo de Patrimonio Documental, Ana Vicente, fixo unha visita á Biblioteca 'Emilia Pardo Bazán'
Foto: D.P.


Infogauda / Sanxenxo

 No Día da Biblioteca a Deputación de Pontevedra quixo achegarnos a unha biblioteca municipal, "para coñecer de preto a realidade do seu día a día e facer unha entrega simbólica tanto das novidades editadas polo noso Servizo Editorial como doutros exemplares adquiridos polo Servizo de Cultura e Lingua", manifestou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, esta mañá en Sanxenxo. O deputado, acompañado pola responsable do Servizo de Patrimonio Documental, Ana Vicente, fixo unha visita á Biblioteca 'Emilia Pardo Bazán' onde foi recibido pola concelleira de Cultura, Sandra Fernández, e polas responsables de dita biblioteca. Pola súa banda, a concelleira Sandra Fernández sinalou que este tipo de doazóns son "unha aposta necesaria pola lectura, e máis concretamente pola lectura e pola cultura en galego". Agradeceu, ademais, que a Deputación elixira Sanxenxo para simbolizar a entrega de fondos.  

 Estes fondos serán enviados ás 117 bibliotecas e axencias de lectura existentes neste momento en toda a provincia de Pontevedra e conteñen un lote de dez libros de temática diversa, como estudos sobre lingua, tradución poética, narrativa, unidades didácticas e literatura infantil. En relación á comarca do Salnés, Xosé Leal sinalou que "esta comarca con 24 bibliotecas e axencias de lectura dá mostra da relevancia que a lectura ten nesta contorna". Ademais do lote da biblioteca 'Emilio Pardo Bazán', esta mañá o deputado xa achegou tamén os lotes correspondentes ás bibliotecas de Portonovo e Vilalonga.  

 Os lotes inclúen as edicións máis recentes do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación que inclúen títulos como "Verne Imaxinado"de banda deseñada, "A viaxe imaxinaria de Sofonisba Anguissola" de arte, "A nenez a través dos anteollos de Castelao", a unidade didáctica sobre Castelao, "Cousas de nenos", un ensaio sobre a nenez, "A lingua galega entre 1963 e 1975", ensaio sobre a lingua, e "A illa curiosa e a tradución do universo" e "Onde os alacráns", ambos de tradución poética. Ademais incluíronse "Os soños na gaiola", o libro disco de Suso Vaamonde cantándolle a Manuel María, "Os Bolechas no Museo de Pontevedra", orientado a público infantil, e "Camiños na sombra", obra gañadora do Premio Balbino de Relatos.  

 As responsables da Biblioteca Municipal de Sanxenxo aproveitaron a xornada para poñer en valor as actividades que realizan, en especial as orientadas ao público infantil, como futuros usuarios permanentes destes servizos. En concreto destacaron as xornadas semanais con centros escolares, nas que se traballa a autonomía dos rapaces e rapazas á hora de manexar os fondos da sección infantil. Explicaron ademais as actividades propias de dinamización e animación á lectura que levan a cabo e fixeron un percorrido pola zona infantil ubicada na planta superior. En conxunto, as tres biblioteca do concello de Sanxenxo contabilizan arredor de 8.000 socios e socias.  

A Biblioteca do Arquivo provincial  
 Na visita a Sanxenxo o deputado tamén aproveitou para poñer en valor a Biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental de Bibliográfico, facendo fincapé en que debido ao tipo e número de fondos "é importante destacar que, a pesares de que fisicamente está en Pontevedra cidade, está orientada a dar servizo a toda a provincia, mesmo cun sistema de préstamos a domicilio".  

 A Biblioteca da Deputación centra os seus esforzos especialmente na recompilación, proceso técnico e difusión de toda aquela bibliografía relacionada coa provincia de Pontevedra, en xeral, e con cada un dos seus concellos, en particular. A bibliografía provincial representa o 50% dun fondo, "Galicia", que na actualidade conta con preto de 20.000 monografías e que se completa coas coleccións das principais publicacións periódicas que estudan diferentes aspectos do país.  

 A maiores, nos seus fondos figuran aproximadamente 30.000 volumes de monografías relativas a temarios para oposicións, fondos antigos e obras de referencia, máis de 500 títulos de publicacións periódicas, e máis de 90.00 rexistros analíticos. Tamén hai que destacar os aproximadamente 800 traballos de investigación, os máis de 60.000 rexistros dispoñibles na sección de audiovisuais, e os preto de 25.000 documentos cartográficos da cartoteca. 

 Todos estes fondos, así como todos aqueles xestionados polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, arquivísticos, cartográficos e audiovisuais, están á disposición da cidadanía nas instalacións da rúa Padre Amoedo, núm. 1, xa sexa na modalidade de préstamo a domicilio ou de consulta en sala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario