9 de out. de 2016

PESCA

A Xunta de Galicia estuda a colaboración cun proxecto de Senegal para renovar a súa frota artesanal e industrial 

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantiveron unha xuntanza co ministro das Pescas e Economía Marítima de Senegal, Oumar Guêye

Quintana ofreceulle o apoio do Goberno galego para un plan de formación dirixido aos traballadores e traballadoras da frota e para mellorar a competitividade do sector 

Conde, pola súa banda, destacou a posibilidade de colaborar coa iniciativa a través do sector naval galego participando na renovación da frota 

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantiveron unha xuntanza co ministro das Pescas e Economía Marítima de Senegal, Oumar Guêye

Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantiveron unha xuntanza co ministro das Pescas e Economía Marítima de Senegal, Oumar Guèye, na que se interesaron por un proxecto no que traballa o país senegalés para renovar a súa frota artesanal e industrial.
 Nesta reunión, que tivo lugar esta semana, os conselleiros trasladáronlle ao ministro senegalés as posibilidades coas que conta a Xunta para poder colaborar con esta iniciativa. A conselleira do Mar en funcións ofreceulle apoio para o plan de formación que Senegal quere poñer en marcha para os traballadores e traballadoras da frota e para a mellora da competitividade do sector. Por outra banda, o titular de Economía, Emprego e Industria en funcións, salientou a posibilidade de colaborar con este proxecto a través do sector naval galego participando na renovación da frota.
 Neste sentido, o ministro senegalés amosou o seu interese polo labor que desenvolve a Xunta nestes eidos e pola experiencia de Galicia no ámbito da pesca, no que representa o 50% da pesca de España e o 10% da Unión Europea. De feito, Rosa Quintana e Francisco Conde acordaron co ministro senegalés continuar os contactos para poder perfilar o tipo de colaboración entre Galicia e Senegal nesta materia co obxectivo de afondar e afianzar unha posible futura colaboración que redunde en beneficio do país africano e da nosa comunidade autónoma.

Outras colaboracións con Senegal

 O goberno da Xunta xa vén mantendo colaboración co Senegal a través do proxecto europeo Marenda, coordinado pola Fundación Cetmar. Esta iniciativa ten como principais beneficiarios ás administracións marítimas e autoridades portuarias dos países de África Central e Occidental e contempla a prestación de asistencia técnica, a provisión e implantación de ferramentas e sistemas para o intercambio de datos marítimos portuarios, así como o desenvolvemento de actividades de formación.
 As accións do proxecto enfócanse en 5 países prioritarios, que son: Senegal, Ghana, Costa de Marfil, Nixeria e Camerún, coa finalidade de que os resultados se extrapolen posteriormente ao resto dos países da rexión. De feito, no marco del realizouse unha análise da situación actual en relación aos obxectivos do proxecto e desenvolvéronse misións de avaliación en Senegal, Ghana e Costa de Marfil. Marenda está financiado con preto de 1,9 millóns de euros pola Unión Europea, a través do programa Europeaid e actúa como autoridade contratante a Secretaría do Grupo de estados de África, Caribe e Pacífico (ACP).

Ningún comentario:

Publicar un comentario