19 de out. de 2016

MAR

Xunta e Goberno Estatal traballan para dar unha solución inmediata que permita manter o coeficiente redutor de xubilación dos tripulantes de buques galegos de altura e gran altura 

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar mantivo esta mañá unha xuntanza co director xeral de Ordenación Pesquera, co director do Instituto Social de la Marina e co director general de la Marina Mercante para abordar a situación deste segmento da frota  

Na xuntanza tamén fíxose balance dos tripulantes que se verían afectados no caso dun hipotético cambio no coeficiente redutor e concluíuse que a afectación distaría moito da que se está transmitindo á opinión pública e ao propio sector

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Xunta e o Goberno Central traballan na procura dunha solución que podería ser inmediata para manter o coeficiente redutor de xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros de altura e gran altura. Esta mañá a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, reuniuse en Madrid co director xeral de Ordenación Pesquera do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Carlos Larrañaga; co director do Instituto Social de la Marina do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, Luís Casqueiro; e co director general de la Marina Mercante do Ministerio de Fomento, Rafael Rodríguez Valero.
 Na xuntanza abordaron a situación actual, entre outros, dos buques palangreiros que recibiron comunicacións nas que se lles informou dun cambio nos coeficientes redutores da idade de xubilación asignado a estes buques, que pasan de atribuírse como “conxeladores” a “palangre de superficie”. A secretaria xeral técnica reiteroulle aos representantes dos distintos organismos do Goberno central os argumentos e apreciacións que manexa a Administración galega para que se lle siga aplicando o subtipo de conxeladores a estes buques, de maneira que non teñan que prolongar a súa idade de xubilación.
 Tamén se fixo balance dos tripulantes que se verían afectados no caso dun hipotético cambio no coeficiente redutor e concluíuse que a afectación distaría moito da que se está transmitindo á opinión pública e ao propio sector desde fóra das administracións públicas.

Xestións da Consellería

 Esta xuntanza súmase á que mantivo en febreiro deste ano Isabel Concheiro con representantes da Dirección General de Marina Mercante e do Instituto Social da Marina para abordar este asunto. Cabe lembrar que xa daquela a Consellería do Mar defendeu ante ambos organismos estatais que á hora de aplicar os coeficientes de xubilación non afectase á modalidade de pesca, xa que case todos os buques rexistrados en Galicia na modalidade de palangre de superficie teñen capacidade conxeladora e permanecen fóra das nosas augas de zona Económica Exclusiva máis de 6 meses ao ano. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario