18 de out. de 2016

A GUARDA

A exposición “Escenarios da Prehistoria”, poderá visitarse ata o 31 de outubro 

No Centro Cultural da Vila


Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda, e  Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo e Deputada Provincial, no acto da inauguración da exposición
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado venres día 14 de outubro, ás 20,30 horas, inaugurouse a exposición “Escenarios da Prehistoria” no Centro Cultural da Guarda. A este acto acudiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Turismo e Deputada Provincial; Elena Baz Rodríguez, concelleira de Cultura e Begoña Fernández, técnica do Departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra.  


 Á inauguración achegáronse mais de 40 persoas que puideron apreciar unha mostra que  chega ó concello da Guarda tras estar en Marín, Mos e Cuntis, e que está organizada polo Servizo de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra dentro da programación cultural do Ano Castelao.  


 Nas 37 fotografías, que están acompañadas de textos que explican os xacementos que nelas se amosan; así como nas ilustracións e paneis explicativos que as acompañan, faise un percorrido polas mámoas, castros e petróglifos máis singulares da provincia a través das fotografías de Federico de la Peña. Ademais, a exposición busca reflexar a preocupación que Castelao sempre mostrou polo noso patrimonio arqueolóxico e artístico e que deixou patente en obras como ‘As cruces de pedra na Galiza’.  É a idea de conservar o noso patrimonio a que vertebra a exposición ‘Escenarios da Prehistoria’, na que se pon de manifesto un dos bens patrimoniais máis relevante da provincia de Pontevedra, como é a súa riqueza en asentamentos prehistóricos de gran relevancia.   

 A mostra estará aberta ó público dende o venres 14 ata o luns 31 de outubro no Centro Cultural da Guarda. O horario, de luns a venres, será das 10:00 ás 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Os sábados só en horario de 10:00 ás 13:00 horas.  

 Nestas datas os visitantes poderán desfrutar dunha exposición que se divide en catro grandes bloques temáticos: Asentamentos paleolíticos, Monumentos megalíticos, Petróglifos e Castros; e que ten como obxectivo principal poñer en valor o patrimonio da provincia de Pontevedra, dándoo a coñecer nos diferentes concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario