24 de out. de 2016

LABORAL

AS CONVERSAS DO CONVENIO DA CONTRUCIÓN DE PONTEVEDRA NON AVANZAN   


Carlos Méndez Iglesias 
Secretario Comarcal da FCM-CIG

 A  Negociación do Convenio da Construción  da Provincia de Pontevedra, que na actualidade afecta a 14.000 traballadores, está a piques de romperse debido a que a Patronal non parece disposta a modificar o actual texto, desatendendo a maioría das reivindicacións sindicais.  Estas céntranse, fundamentalmente, en aspectos relacionados coa mellora das condicións laborais en materia de subcontratación e garantías no caso de subrogación  nas empresas adicadas ao mantemento de estradas e vías férreas.  

 No primeiro punto, os Sindicatos pretendemos que se garanta a indemnización por fin de obra, para o que propoñemos que sexan responsables subsidiarias as empresas principais.  

 No relativo aos caos de subrogación, reivindicamos que, en caso de despedimento, se teña en conta a antigüidade dende o inicio da relación laboral, e non dende o último contrato, como se acoutou na negociación do último convenio estatal do sector nun claro retroceso en relación coa situación  anterior e de dubidosa legalidade, dende o punto de vista da FCM-CIG.  

 Outros puntos que se reivindican son os de  garantir a información sobre as condicións laborais, rexistro da xornada diaria co fin de evitar o exceso de horas extras ou temas relacionados co desfrute das vacacións, así como un incremento salarial que mellore as condicións económicas actuais.  

 Son reivindicacións que deberían ser asumibles porque, en definitiva, o único que pretenden e conseguir determinadas garantías para o cumprimento da lexislación vixente, tan a miúdo  vulneradas pola patronal  que, en moitos casos, aproveitándose da situación de necesidade de milleiros de traballadores do sector, están a impoñerlles condicións draconianas en materia de xornada e escamoteando salarios.  

 A Patronal de Pontevedra alega impedimentos por parte da Confederación Nacional da Construción, controlada grandes polas Constructoras, que, atentas exclusivamente aos seus intereses oligopolísticos, actúan como estruturas feudais ao impoñer unhas condicións económicas e laborais abusivas das que son vítimas os traballadores que teñen que pagar as consecuencias das licitacións á baixa que se producen pola competencia existente no sector para acceder a calquera contratación.  

 Dende a Federación da Construción da CIG, central maioritaria no sector, estamos a intentar que a patronal de Pontevedra abandone o estrito seguidismo co que acatan as consignas da gran patronal e asuman a responsabilidade que lles corresponde ante os seus  traballadores e interlocutores sociais.  

 De non variar a posición empresarial, veríamos na obriga de iniciar mobilizacións no ámbito do Convenio Provincial, para desbloquear o actual estado de cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario