3 de out. de 2016

CULTURA

A Consellería de Cultura apoia 91 proxectos municipais para mellorar a rede de equipamentos culturais de Galicia 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de subvencións a concellos destinadas á adquisición de equipamento e mellora das instalacións nas que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable, dotada con 500.000 euros


Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará este ano un total de 91 proxectos municipais destinados a mellorar locais e instalacións de toda Galicia nos que se vén desenvolvendo unha programación cultural estable. Así se desprende da resolución da convocatoria de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia, e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que se pode consultar no enlace.
 As axudas –promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura e dotadas nesta convocatoria con 500.000 euros– destínanse á realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como a accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
 Os beneficiados desta liña de subvencións no 2016 son 89 concellos e 2 entidades, en concreto A Rúa, Arbo, Sober, A Lama, Carballeda de Avia, Riotorto, Ramirás, Ourol, Vilanova de Arousa, Cerdedo, Manzaneda, O Porriño, Bergondo, Dodro, Mazaricos, Vedra, Porto do Son, Vila de Cruces, O Grove, Bande, Silleda, Castro Caldelas, Cotobade, Vilariño de Conso, Pontecesures, As Neves, Boimorto, Marín, Mondoñedo, Viana do Bolo, Santiso, Rodeiro, Covelo, Tordoia, San Xoán de Río, Ames, Fornelos de Montes, Vilar de barrio, Muros, Cervo, Irixoa, Ribas de Sil, Guntín, A Veiga, Cedeira, Negreira, O Vicedo, Mañón, Muras, A Cañiza, Soutomaior, Portomarín, O Valadouro, Paderne, San Sadurniño, O Carballiño, A Peroxa, Trabada, Sandiás, Cerceda, Mos, Ribeira, Mondariz, Touro, Pol, Rairiz de Veiga, O Saviñao, Antas de Ulla, Monterroso, Rábade, Verín, Cabanas, Coirós, A Pobra do Caramiñal, Vilalba, Boqueixón, Celanova, Campo Lameiro, Boborás, Oza-Cesuras, Bóveda, Cospeito, A Merca, Malpica de Bergantiños, Castrelo de Miño, Cuntis, Portas, a Mancomunidade Terra de Celanova e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

Impulsar a cultura no local

 Estas axudas están enmarcadas dentro das diversas iniciativas que desenvolve a Consellería de Cultura e Educación para impulsar a creación e promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos colectivos, persoas físicas, corporacións locais e industrias culturais, que desenvolvan un labor cultural dentro do seu ámbito competencial.
 Non en balde, o obxectivo concreto das axudas é mellorar as instalacións e locais das entidades municipais para facilitar o reequilibrio territorial na distribución cultural e tratar de contribuír a que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso á cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario