22 de set. de 2016

FORMACIÓN

Comezan os cursos de formación continua da Deputación para o persoal técnico e directivo de clubs deportivos 

O primeiro curso comeza este venres na sede da Deputación en Vigo 


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra organiza este ano novos cursos de formación continua para persoal técnico e deportivo dos clubs deportivos da provincia, enmarcados no Plan de Formación Deportiva 2016. Preténdese así mellorar a formación do persoal que está ao fronte de asociacións e clubs deportivos, así como realzar a importancia dunha correcta pedagoxía e didáctica do deporte en idade escolar e xuvenil.     

 Vanse desenvolver, entre finais de setembro e novembro, dúas edicións para persoal directivo e outras catro edicións para persoal técnico. O primeiro será en Vigo que, por vez primeira, acollerá un curso para persoal directivo deportivo, que vai ter lugar os vindeiros venres e sábado, 23 e 24 de setembro, na sede da Deputación na cidade olívica. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, participará na apertura desta xornada ás 16:00 h. A outra edición destas xornadas para directivos será xa en Pontevedra, na sede da Escola de Cantería en Poio, os días 21 e 22 de outubro.     

 Para persoal técnico deportivo haberá catro edicións: unha en Pontevedra os días 14 e 15 de outubro, outra os días 28 e 29 de outubro e unha última os días 25 e 26 de novembro, mentres que en Vigo haberá unha edición os días 11 e 12 de novembro.     

 Estes cursos de formación continua son totalmente gratuítos e pode facelos todo o persoal directivo e técnico dos clubs deportivos inscritos oficialmente na provincia. Hai 40 prazas por curso e o prazo para anotarse abriuse o pasado 9 de setembro, día seguinte á publicación das bases no BOP, e vaise pechando segundo se esgoten as prazas. A modalidade de formación é semipresencial, con 12 horas de asistencia e 8 a distancia.     

 Toda a información sobre estes cursos de formación continua para persoal directivo e técnico de clubs deportivos pode atoparse na web da Deputación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario