21 de xul. de 2016

VIGO

A Unidade de Lesionados Medulares do Hospital do Meixoeiro estará en funcionamento o vindeiro 18 de agosto 

O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, amosou hoxe ás asociacións de pacientes as instalacións e presentou ao equipo que se fará cargo da unidade  

Coa súa posta en marcha, cúmprese un dos compromisos que asumira o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, cos pacientes da área de Vigo, que non terán que desprazarse ata A Coruña coa periodicidade con que o fan agora  

A Unidade está situada no segundo andar do Hospital do Meixoeiro e conta cunha zona de consultas próxima a área de hospitalización do Servizo de Rehabilitación 


Infogauda / Vigo

 A nova Unidade de Lesionados Medulares será unha realidade a partir do 18 de agosto, data na que comezará a funcionar. O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, acompañado do equipo que traballará na unidade, dirixido polo xefe do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación, Francisco Javier Juan, amosou hoxe as instalacións aos representantes das asociacións de pacientes, á Plataforma de Lesionados Medulares de Galicia e Cogami, que participaron activamente coas súas suxestións no deseño da zona.
 A unidade está situada no segundo andar do Hospital do Meixoeiro, próxima á área de hospitalización do servizo de Rehabilitación, e dispón dunha zona para consultas.
 A habilitación dunha área para os lesionados medulares en Vigo era unha demanda das asociacións, xa que, ata o de agora, os pacientes tiñan que desprazarse a A Coruña para realizar controis e probas de seguimento.
 O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, comprometeuse coas asociacións para crear unha área específica, con persoal e instalacións, en Vigo. Coa posta en marcha desta unidade no Hospital do Meixoeiro dáse cumprida conta á promesa do titular de Sanidade.

Coordinación


 A unidade que hoxe se presentou manterá coordinación estreita e integración coa do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. A vantaxe para os pacientes consiste en que non terán que desprazarse ata a cidade herculina coa periodicidade con que o fan agora, xa que a maioría dos controis poderán realizarse no Meixoeiro.

 O xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, destacou, durante a presentación da unidade, “a importancia que ten para mellorar a calidade de vida dos pacientes” e subliñou “a colaboración das asociacións de pacientes no proceso de creación e a próxima apertura da unidade”.
 Pola súa parte, o doutor Juan asegurou que “o servizo está preparado para atender aos pacientes que o precisen desde a data de apertura con persoal que estivo formándose durante os últimos meses” e subliñou “a seguridade que dá aos propios pacientes contar coa área de hospitalización moi cerca das consultas”.
 O papel fundamental do Meixoeiro

 Esta nova oferta asistencial vén engadirse ao resto de servizos sanitarios do Hospital Meixoeiro e “configuran o papel fundamental deste hospital na reordenación sanitaria da área de Vigo”, subliñou Félix Rubial. Así, nel centralízase toda a atención ambulatoria cirúrxica. De feito, no momento actual, no Meixoeiro realízase as dúas terceiras partes de toda a actividade cirúrxica do Chuvi. Tamén centraliza a hospitalización de pacientes de cirurxía con ingreso programado, de rehabilitación, endocrinoloxía e, especialmente, de medina interna.

 Ademais, concentra en exclusiva especialidades tan relevantes como Radioterapia, Unidade de Mama, Dermatoloxía, Reumatoloxía, Xeriatría, Alergoloxía, Oftalmoloxía, Endocrinoloxía, Coidados paliativos, Unidade da Dor, Medicina Nuclear (PET), Unidade de Ébola, Laboratorio central (CORE) e Central de Esterilización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario