Nova entidade de Cooperación Transfronteiriza 'Río Miño' no 2017
O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, reuniuse onte en Viana do Castelo co presidente da CIM Alto Minho para acordar os estatutos do novo organismo
O deputado Uxío Benítez e José María Costa, presidente da câmara de Viana do Castelo
Infogauda / Viana do Castelo
A nova Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que reúne á Deputación de Pontevedra e aos 16 concellos do Baixo Miño e Condado-Paradanta xunto coa CIM Alto Minho e dez câmaras do Norte de Portugal, estará plenamente operativa a principios de 2017. Este novo organismo servirá de ferramenta para a cohesión económica, social e territorial do contorno do Río Miño e, de xeito particular, para solicitar fondos europeos para proxectos conxuntos.
O deputado Uxío Benítez, impulsor da iniciativa da nova asociación, mantivo onte un encontro co presidente da CIM Alto Minho e presidente da câmara de Viana do Castelo, José María Costa, no que se chegou a acordo sobre os estatutos. Ademais deste visto bo inicial, o texto deberá ser aprobado polo pleno da Deputación de Pontevedra -o vindeiro 29 de xullo- e pola asemblea da CIM -un día antes-. Logo, ambas institucións asinarán un convenio de colaboración e remitirán toda a documentación ao Ministerio de Facenda en Madrid e o seu homólogo en Lisboa para a súa validación . Unha vez recibidos os informes dos gobernos centrais de ambos países a existencia da nova AECT será unha realidade. De darse o caso de producirse silencio administrativo - logo de seis meses- a entidade terá tamén o visto bo, polo que a primeiros do ano próximo estará en funcionamento.
"O acordo de hoxe é moi positivo. É un paso fundamental porque demostra o interese que hai para poñer en marcha o novo organismo conxunto. Temos rematado un traballo de consenso básico que frutificará nunha AECT que permitirá dinamizar todo o territorio do Miño e 'borrar' a fronteira", sinalou Benítez.
Os concellos de Pontevedra veñen de demostrar tamén a necesidade de aproveitar as sinerxias comúns entre o Sur da provincia e o Norte de Portugal. De feito, despois da reunión de presentación da iniciativa o pasado mes de abril, todos os gobernos locais remitiron rapidamente as súas cartas de adhesión ao proxecto para comezar a traballar de inmediato.
A nova AECT Río Miño será unha entidade con personalidade xurídica que permitirá optar e xestionar fondos europeos, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño, no que a día de hoxe están implicadas moitas administracións.
"Trátase dunha ferramenta para obter máis recursos cos que desenvolver as potencialidades do territorio do Miño. Os concellos saben que non poden desaproveitar a oportunidade", subliñou o deputado nacionalista.
En canto ao organigrama, a nova AECT estará formada por unha asamblea e un órgano executivo. A dirección será un organismo unipersoal rotatorio que ocuparán representantes de Pontevedra e Portugal cada dous anos, ao igual que ocorrerá coa vicedirección. Tamén haberá un Consello Coordinador, formado por membros das dúas partes, que será o encargado da asesorar á dirección e da xestión do día a día. Finalmente, haberá un Consello Consultivo aberto no que se organizarán foros específicos nos que poderán participar expertos en diferentes materias segundo as necesidades, así como outros representantes do veciños e veciñas da zona.

Ningún comentario:
Publicar un comentario