30 de xul. de 2016

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra recibe unha herdanza de máis de 15.000 diapositivas, fotografías e documentos de monumentos románicos de toda Europa 

A doazón foi feita por un cirurxián francés colaborador das Rutas Cicloturísticas do Románico que tiña gran relación cos responsables do Museo

Jean-Claude Vinourd

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra vén de recibir unha herdanza de milleiros de diapositivas, fotografías e documentos sobre monumentos Románicos de toda Europa. A doazón, que está a ser incorporada á Biblioteca e ao Arquivo gráfico, foi feita por un cirurxián francés colaborador das Rutas Cicloturísticas do Románico que tiña unha grande relación con Galiza e cos responsables do Museo en particular.   

 Tanto o deputado de Cultura, Xosé Leal, como o director do Museo, Carlos Valle, cualificaron de "incorporación excepcional" este legado, que foi cedido testamentariamente  polo doutor Jean-Claude Vinourd (1933-2015). Este afamado  cirurxián francés, parisiense con raíces familiares  no Limousin, formouse nos hospitais da prestixiosa ‘Asistencia Pública de París', da que foi Xefe de Clínica-Profesor Adxunto. Asentouse finalmente en Rouen  (Normandía), onde comezou a interesarse pola arte Románica, estilo no que, a pesar de non ser historiador profesional, foi un gran especialista, recoñecido e valorado como tal  polos maiores expertos.  

 Jean-Claude Vinourd comezou a relacionarse con Galicia, pola que peregrinou fotografando os seus monumentos románicos, nos anos setenta do pasado século. A partir da década seguinte as súas visitas pasaron a ser máis frecuentes debido á estreita relación persoal que tiña cos responsables do Museo de Pontevedra, e incluso pasou a ser colaborador tamén das Rutas Cicloturísticas do Románico.   

 Compoñen o legado arredor de 15.000 diapositivas de gran formato, así como centenares de negativos e fotografías en branco e negro de monumentos románicos de toda Europa, singularmente  de Francia e o norte da Península Ibérica. O conxunto é valioso en si mesmo pola súa entidade e tamén pola  calidade dos materiais que o compoñen. Moitas fotografías, ademais, documentan monumentos, aspectos ou detalles  hoxe modificados ou mesmo xa inexistentes.  

 A segunda parte do legado está formada por un nutrido  bloque de monografías e revistas científicas especializadas na arte da Idade Media en xeral e do Románico en particular.  

 Coa recepción de todos estes materiais o Museo de Pontevedra, posuidor xa dunha biblioteca e uns arquivos moi valiosos, reforza a súa significación como un centro de imprescindible referencia para a investigación en xeral, e para a do Patrimonio histórico-artístico galego en concreto. 

 A Deputación de Pontevedra, da man do seu deputado de Cultura, Xosé Leal, e da dirección do  Museo de Pontevedra, quere agradecer publicamente a "extraordinaria colaboración" que recibiu dos familiares do doutor Jean-Claude Vinourd para a materialización do legado testamentario e, moi especialmente, da súa viúva, Anne-Marie Montaigne-Vinourd. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario