16 de xul. de 2016

GALICIA

O Goberno galego destina un total de 400.000 euros para financiar estas subvencións no ano 2016 

A Xunta de Galicia publica no DOG a convocatoria de axudas para a adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida coa achega de ata 10.000 euros por vehículo 

Os beneficiarios destas axudas son as persoas físicas titulares de autorizacións de transporte, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade  

Os vehículos obxecto das subvencións deberán estar adaptados para o uso de persoas con mobilidade reducida, adquiridos dentro dos prazos fixados e non se admitirán coches de segunda man  

A Xunta, mediante esta medida, pretende incrementar a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilitar un transporte público universal, accesible, eficaz e útil  

Infogauda / Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos de taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida mediante unha partida de 400.000 euros que permitirá proporcionar axudas de 10.000 euros por vehículo.
Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade. Para que xeren dereito á axuda, as autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia e vixentes no momento da presentación da solicitude.
As persoas interesadas nestas axudas poderán presentar as súa solicitudes no prazo dun mes, contado a partir de hoxe. Premendo eiquí pódese consultar máis información sobre a orde. 
Na orde ponse de manifesto que será subvencionable a adquisición de vehículos taxi que reúnan as seguintes condicións: deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida, adquiridos dentro dos prazos fixados e non se admitirán vehículos de segunda man.
A Xunta, mediante este tipo de iniciativas, pretende diminuír aquelas dificultades que afectan a sectores concretos da poboación, de xeito que se afonde máis na igualdade material esixida pola Constitución Española. Neste sentido, implantar uns servizos de transporte público cada vez máis accesibles é unha das medidas que pode contribuír a acadar ese obxectivo, posto que incrementa a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilita un transporte público máis eficaz e útil.
A Lei 4/2013 de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia establece que o transporte público de persoas en vehículos de turismo, en especial o servizo de taxi, ten unha importancia decisiva como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade no contorno urbano e interurbano. As administracións competentes deben, polo tanto, velar por garantir a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo.
A Xunta de Galicia a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda pretende, mediante esta orde de axudas, fomentar o cumprimento do Real Decreto 1554/2007, do 23 de novembro, no que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, así como o cumprimento das esixencias establecidas a este respecto no resto da normativa sectorial de aplicación. Trátase así contribuír a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario