HOMENAXE NACIONAL ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO EN SAN SIMÓN DOMINGO 17 DE XULLO
Iniciativa Galega pola Memoria
A Iniciativa Galega pola Memoria, un ano máis organiza a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo que terá lugar este domingo día 17 de xullo na Illa de San Simón. Este ano, polo seu 80 aniversario ten especial relevancia para chamar a atención sobre este espazo que debera ser fundamentalmente un lugar para a memoria.
Na illa de San Simón houbo moitos presos na súa colonia penitenciaria agardando en moitos casos un desenlace tráxico. É un sitio para o recordo mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror. Desde a Iniciativa Galega pola Memoria queremos un ano mais defender a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición.
As persoas que estean interesadas en asistir teríanse que poñer en contacto con algunha das asociacións memorialísticas da súa comarca que sexan membros da IGM co fin de organizar o embarque xa que as prazas son limitadas.
A inscrición pecharase en canto se complete o número que lle corresponden a cada comarca. Confirmarase e darase un tiquet a aqueles que poidan embarcar. Ninguén que non estea confirmado e co tiquet poderá embarcar por necesidades da propia limitación de prazas que teñen os barcos.
Inscricións e información: coordinadora@igmemoria.com Telf. 636535815
PROGRAMA
- Visita guiada á Illa, a cargo de Matías Rodríguez da Torre, 10 h.
- Charla sobre Imaxes da Memoria (a partir de imaxes relacionadas coa illa como prisión). Luís Bará, 11 h..
- Acto central (explanada do cemiterio na Illa de San Antón): 12 h..
Lectura da declaración de San Simón por Montse Fajardo.
Intervención do historiador Dionisio Pereira.
Ofrenda floral e himno galego.
- Concerto de 2nafronteira na capela de San Simón (13.15 h).
CARÁCTER REIVINDICATIVO DO ACTO
- SOLICITUDE DE DENOMINACIÓN OFICIAL DA ILLA DE SAN SIMÓN COMO ILLA DA MEMORIA. ESPAZO SIMBÓLICO DA REPRESIÓN, DA RESISTENCIA E DA MEMORIA COLECTIVA.
-DESENVOLVEMENTO NA ILLA DUN PROGRAMA ANUAL DE ACTIVIDADES ARREDOR DA REPRESIÓN E DA MEMORIA HISTÓRICA.
- Actividades para o público escolar.
- Actividades para público xeral.
- Presenza da temática da represión nas visitas guiadas á illa.
- RECUPERACIÓN DE EXPOSICIÓN A ILLA DA MEMORIA E OUTROS ELEMENTOS RELACIONADOS COA ILLA COMO LUGAR DE REPRESIÓN (FOTOS, DOCUMENTOS, OBXECTOS, BIBLIOTECA TEMÁTICA...).
- MEMORIAL DE SAN SIMÓN: Homenaxe permanente ás vítimas e ás persoas solidarias

Ningún comentario:
Publicar un comentario