A Xunta de Galicia participa na homenaxe a Pura e Dora Vázquez na VIII Festa da Palabra
A Insua dos Poetas acolleu esta celebración, xa consolidada na axenda cultural do verán en Galicia, á que asistiron os conselleiros de Cultura e Educación e do Medio Rural
Infogauda / O Carballiño (Ourense)
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron esta tarde na homenaxe que a VIII Festa da Palabra lle rendeu a Pura e Dora Vázquez na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño. A cita, xa consolidada na axenda cultura do verán en Galicia, recorda neste 2016 a figura de dúas irmás que dedicaron a vida ao ensino, “dúas mulleres – segundo indicou o titular de Cultura da Xunta- que en plena posguerra desafiaron as convencións sociais para escribir textos xornalísticos e literarios en galego, sendo tamén pioneiras no eido da nosa literatura infantil e xuvenil”.
Neste sentido Román Rodríguez quixo salientar o feito de que ambas as dúas levaran con elas a lingua galega, o que forxou a súa contribución a que hoxe gocemos “dunha literatura tan rica como a actual e dunha lingua tan vital como a nosa”, dixo. Así mesmo felicitou á Fundación Insua dos Poetas, presidida por Luís González Tosar, por terse fixado en dúas mulleres, “xa que é ben sabido que o papel feminino na historia da literatura a miúdo se silencia e oculta”. Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural destacou a alianza da literatura coa vida do rural, que “resalta de forma artística o día a día da nosa xente e das nosas tradicións”. Ángeles Vázquez referiuse ás homenaxeadas como un símbolo das nosas raíces e da cultura galega máis enxebre, que aínda se ve máis embelesada nun entorno natural como é a carballeira da Insua dos Poetas.
Por outra banda, e referíndose ao propio espazo físico no que se desenvolve o acto, o conselleiro celebrou o feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar no que a literatura dialoga coas artes plásticas e no que a homenaxe a escritores se converte tamén en recoñecemento ao traballo e creación dos máis relevantes escultores contemporáneos da nosa terra, cuxa obra convive coa natureza neste espazo situado na parroquia de Madarnás. Neste sentido Román Rodríguez felicitou á Fundación polo seu bo facer e controbución ao enriquecemento da nosa lingua e cultura.
Entre outras autoridades, no acto participaron a delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira; os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; e o presidente da Fundación, Luís González Tosar.
Fundación Insua dos Poetas
Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou a figura de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014) e Francisco Luis Bernárdez (2015).
Ademais a Fundación Insua dos poetas organiza e acolle diferentes iniciativas didácticas e culturais, entre as que destaca a celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que conta coa participación do alumnado de centros educativos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario