23 de xul. de 2016

A GUARDA

CULTURA

"CAMIÑOS DA IMAXE": A MOSTRA DO TRABALLO DE JOAQUÍN GARCÍA PORTELA "COSTIÑA"

Un guardés que foi fotógrafo a principios do século XX, pero que era un avanzado na súa época

En presenza do alcalde Antonio Lomba Baz e da concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez; Xurxo González Rodríguez (Xurxo Chirro), de Proxecto Socheo, dirixíndose o público que asistiu á inauguración da exposición "Camiños da Imaxe", na Casa dos Alonso
Fotos: www.castrofilms.es


José Carlos Castro Martínez / A Guarda 


 Onte estiven na inauguración dunha desas exposicións de fotografía e vídeo que te deixan impactado para sempre. 

 "Camiños da imaxe” é a mostra do traballo de Joaquín García Portela “Costiña", un guardés que foi fotógrafo a principios do século XX, pero que era un avanzado na súa época. 

 Costiña foi un home dotado de grandes coñecementos fotográficos, dominando perfectamente a luz, o enfoque e os tempos de exposición, obtendo uns resultados de calidade que rozan a perfección. Pero aparte da técnica, era unha persoa dunha sensibilidade excepcional. Todos podemos fotografiar á xente, pero poucos coma él retrataron o interior, a esencia mesma das persoas a través da súa mirada.  

O alcalde, a concelleira de Cultura, membros de Proxecto Socheo, e unha representación da familia de Joaquín García Portela

 Se o seu arquivo fotográfico, rescatado do olvido pola súa familia, é unha verdadeira xoia, o material cinematográfico atopado é o documento fílmico máis antigo recoñecido da nosa vila. 

 As súas escenas amosan a vida cotiá da súa familia, pero centrándose nos pequenos detalles, eses que hoxe parecen esquecidos. 

Vista parcial da Sala de Exposicións da Casa dos Alonso, logo da inauguración da mostra "Camiños da Imaxe"

 A proxección ten un importante valor etnográfico, sen dúbida, e é emocionante ver aquela xentiña pola Robaleira, os barcos de vapor, a Atalaia,..., pero o que me emocionou de verdade foi a tenrura, o cariño, a sensibilidade que rezuman esas imaxes, esas meniñas co abrigo roto botando bicos, os nenos descalzos coas galiñas no colo, a avoa movendo o pañuelo saudando as súas netas.  

Vista parcial do público que asistiu na Praza do Reló, a proxección das imaxes cinematográficas dixitalizadas, de Joaquín García Portela

 Tendo en conta a época que era (anos 20), e as penurias que se pasaban para conseguir un anaco de pan, resulta chocante tanto cariño. É o amor en estado sólido.  

 Brillante traballo dos rapaces de Proxecto Socheo, que consiguen presentar ao público os contidos con rigor e calidade. Encomiable o xesto de Kina e Celia Martínez Garcia e a familia viva de Costiña, por ter a valentía de compartir eses recordos íntimos que son testemuña do que fomos. E agradecemento ao Concello de A Guarda, e a todos aqueles que non dubidaron en apoiar esta iniciativa que fará que todos os guardeses coñezamos mellor a nosa historia máis recente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario