8 de xul. de 2016

A GUARDA

INAUGURACIÓN E APERTURA Ó PÚBLICO DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA FORTALEZA DE SANTA CRUZ 

A arqueóloga Rebeca Blanco Rotea - a esquerda da imaxe -, encargada da musealización do Centro de Interpretación e experta en fortificacións, informando dos contidos dos paneis
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 Por fin chegou o día. Este venres día 8 de xullo, ás 12:00 horas, a Fortaleza de Santa Cruz acolleu a inauguración e apertura ó público do seu Centro de Interpretación, tras anos de obras e a rehabilitación do conxunto, este proxecto, froito da ilusión e de duro traballo ve a luz. 

De esquerda a dereita: Felipe Criado Boado, Antonio Lomba Baz, César Augusto Pérez Ares e Manuel Javier Crespo González

 A este importante acto acudiron numerosas autoridades como o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes Álvarez; o concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo González; a concelleira de Servizo Sociais Mª Teresa Vicente Baz; o Xefe Territorial da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, César Augusto Pérez Ares e o deputado provincial de Cooperación pola Deputación de Pontevedra, David Regades Fernández.   

Lateral de un dos pavillons do Centro de Interpretación da Fortaleza de Santa Cruz

 Durante a inauguración deste Centro de Interpretación houbo numerosos momentos para o agradecemento. Na súa intervención o alcalde da Guarda destacou a labor dos anteriores rexidores e do concelleiro de Patrimonio, Manuel Javier Crespo, cuxo incansable traballo na busca de apoios fixo posible que chegara este día. Ademais, recoñeceu a labor da arqueóloga Rebeca Blanco Rotea, encargada da musealización do Centro e experta en fortificacións que traballou con pasión neste proxecto sentíndollo como propio.  


De esquerda de dereita: Felipe Criado Boado, Antonio Lomba Baz, José Luis Alonso Riego, Purificación Álvarez Álvarez, José Manuel Domínguez Freitas e César Augusto Pérez Ares, na Fortaleza de Santa Cruz


 Tampouco se quixo perder este acto Felipe Criado Boado, presidente da Asociación Europea de Arqueólogos e director do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio), que formaba parte do equipo de traballo de Rebeca Blanco. Felipe Criado agradeceu a labor do actual e do anterior alcalde da Guarda e da propia arquitecta, nunha colaboración que permitiu conxugar ciencia e política, única maneira, afirmou, de dar valor ó realmente importante: os contidos.  


Vista parcial dos paneis cos contidos didácticos do Centro de Interpretación


 Pola súa parte Rebeca Blanco mostrouse emocionada de ver o froito do traballo de moitos anos, que no seu momento presentou tamén en forma de tese doctoral. Tamén explicou un pouco o seu traballo e o funcionamento do Centro, que acolle unha exposición na primeira planta. Esta conta con tres bloques temáticos: o primeiro contextualiza o espazo xeográfico e a construción da fortificación na Guerra da Restauraçao Portuguesa (s. XVII). O segundo bloque está centrado na Guarda, no nacemento e evolución da vila e nos sistemas defensivos que nela se desenvolveron. E por último, un terceiro bloque sobre a fortificación na fronteira entre Portugal e Galicia e as diversas fortificacións existentes. Tratouse de dar forma a unha mostra didáctica e amena, centrada na forza das súas imaxes. Por outra parte, a planta baixa estará adicada a distintos talleres e actividades.  

 Deste xeito queda inaugurado o terceiro enclave da Rede de Museos da Guarda xunto ó MASAT, ubicado no Monte Santa Trega e o Museo do Mar. Os tres emprazamentos compleméntanse para ofrecer non só unha ollada ao numeroso patrimonio da Guarda, senón que compoñen un completo percorrido pola historia da vila, dende a Idade do Ferro ata os nosos días

  Desde o executivo municipal salientan: "O concello non pode máis que reiterar os agradecementos expresados na inauguración e convidar a todo o mundo a visitar este Centro de Interpretación, que estará aberto as fins de semanas e os festivos; e o Castelo de Santa Cruz, aberto todos os días o público, un ben do patrimonio da Guarda que paga a pena coñecer".

Ningún comentario:

Publicar un comentario