PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!
En Vigo: CONCENTRACIÓN na Praza da
Constitución, 30 de xuño ás 8 da tarde.
En Galicia morre
por suicidio unha persoa cada día. Esa realidade agravouse dende o comezo da
crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.
As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta
de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables
incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas
políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de
políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da
protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o
debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gobernamental coa
banca e a súa agresividade respecto ó cobro dos préstamos hipotecarios coa
conseguinte vaga de desafiuzamentos.
Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de
suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a
Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando
este estado de cousas se ve agravado pola crise , nos decatamos de que
convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os
gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias
institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en
Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres
ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de
prevención.
As recomendacións da
OMS comezan por afirmar que o suicidio
pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en
cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa.
Imperativamente chama ós Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención
do Suicidio.
Sobre esta base,
nós, o Movemento Galego da Saúde Mental, respostando a ese mandato e cumprindo
co noso compromiso fundacional, iniciamos o pasado 3 de maio a campaña Badaladas
pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade
fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os nosos
gobernantes teñen coa protección da saúde e da vida da poboación. É así que
esiximos que con urxencia se elabore ese plan, por unha comisión técnica capaz
e crible, cun carácter multisectorial, articulado co necesario Plan Galego de
Saúde Mental, e dotado suficientemente.
É por todo iso que
xunto con SOS Sanidade Pública de Galicia facemos convocatoria para o 30 de xuño en diferentes cidades e vilas de Galicia
ás 8 da tarde, para que soen badaladas para recordar a toda a sociedade que
unha persoa máis morreu por suicidio na nosa terra ese día, e que seguimos sen
un plan de prevención.
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL
SOS SANIDADE PÚBLICA
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario