29 de xuño de 2016

A PASAXE (CAMPOSANCOS)

PRIMEIRO FALADOIRO DE DIÁLOGOS EN EDUCACIÓN DO VERÁN 2016

Este xoves día 30 de xuño, ás 20:00 horas, inaugúrase a segunda edición do ciclo de faladoiros sobre cuestións educativas que vai ter lugar en Camposancos, no recinto do colexio dos Xesuítas

Participantes nun faladoiro da 1ª edición de Diálogos en Educación
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Pasaxe (Camposancos)   

 Promovido polo Concello da Guarda baixo a iniciativa e coordinación do profesor Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, da Universidade da Coruña, este xoves día 30 de xuño, ás 20:00 horas, inaugúrase a segunda edición do ciclo de faladoiros sobre cuestións educativas que vai ter lugar en Camposancos, no recinto do colexio dos Xesuítas.  

 Antonio Vara Coomonte, profesor titular da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago será o encargado de abrir esta quenda do verán 2016. Natural de Zamora, leva na Facultade compostelá desde o ano 1981, proveniente da Universidad Complutense de Madrid, onde comezou unha dilatada vida dedicada á formación de futuros mestres e mestras.   

 Durante todos estes anos, a súa actividade docente e investigadora centrouse nos ámbitos da socioloxía da educación e da antropoloxía da educación. Esa traxectoria académica e científica ten estado marcada polo seu compromiso teórico-metodolóxico co estruturalismo dinámico construtivista.

 A dilatada experiencia universitaria en Madrid e Compostela de Antonio Vara complétase  coa súa vinculación á L´École des Hautes Étudies en Sciences Sociais de París, onde en 1985 foi discípulo do prestixioso sociólogo Pierre Bourdieu.  

 Como compendio e resumo desa traxectoria resaltan as publicacións de entradas en tres dicionarios: O Diccionario de Ciencias de la Educación (Ed. Anaya, 1984, 4 entradas); a Enciclopedia de Pedagogía, Vol. V. (Ed. Espasa- Calpe, 2002, 11 entradas) e no Diccionario de Sociología (Ed. ESIC, 2004, 10 entradas).  

 A súa proposta para o debate na primeira tarde de Diálogos xira en torno á “Educación, cuestións preliminares”

Ningún comentario:

Publicar un comentario