30 de maio de 2016

PONTEVEDRA

Mosquera enviará unha carta formal a Rueda para que dea instrucións de parar as agresións ao goberno provincial 


Aparece na Illa de Arousa unha nova coroa fúnebre dedicada ao vicepresidente da Deputación: "Mosquera, non te deixaremos en paz'  


Infogauda / Pontevedra

 As ameazas contra os dirixentes provinciais do BNG seguen a sucederse: na noite de onte tívose coñecemento da aparición dunha coroa mortuoria co lema ‘Mosquera non te deixaremos en paz' na Illa de Arousa, municipio de orixe da dona do vicepresidente da Deputación e lugar onde tamén ten unha casa. Ante esta situación, Mosquera remitirá unha carta ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, para solicitar de xeito formal que dea as instruccións pertinentes para poñer fin ás agresións contra o goberno provincial. "Xa que foi el quen marcou a liña de confrontación e ataque ao goberno provincial e as súas ordes foron as que fixeron que esto chegara a onde chegou, debe ser el quen pare esta tolería", subliñou.

 A coroa aparecida contra o vicepresidente é de similares características á atopada en Tomiño contra o deputado de Mobilidade con motivo do ‘conflito' do parque de maquinaria. Ao parecer, foi colocada na estrada de acceso á Illa de Arousa a mesma noite que primeira, pero o dirixente provincial non tivo coñecemento dela ata última hora de onte debido a que fora retirada polo concello da Illa de xeito inmediato sen informar ao respecto ao afectado. 

 Mosquera volveu insistir en que é o máximo dirixente provincial do PP, Alfonso Rueda, o que ten na súa man desactivar a situación de coaccións que está a sufrir o grupo do BNG na Deputación. O nacionalista, que xa calificara de mafiosas as ameazas recibidas nos días anteriores, sinalou que feitos como deixar coroas fúnebres ás portas de domicilios son prácticas utilizadas habitualmente polos cárteles para ditar sentenzas de morte. "Sorprende que se fale de pedir diálogo, ao que nós estamos dispostos sempre, e despois nos atopemos con esta situación exacta de coaccións como as que usan as mafias violentas", insistiu Mosquera.  

 O vicepresidente destacou que as coaccións aparecidas contra os membros do grupo do BNG respostan claramente a unha estratexia política do PP, que busca a total confrontación na Deputación, algo que tamén se demostra en que ata o día de hoxe non permitiu a realización normal de ningún Pleno da Corporación no Pazo Provincial. "Non hai ningún problema laboral. Non se lles quitou nada aos traballadores do parque de maquinaria, simplemente se pediu que xustificasen documentalmente as dietas e pernoctas que queren cobrar, polo que non entendemos cal é o problema se todo se estaba a facer conforme á legalidade e ao traballo efectivo", subliñou Mosquera, quen lembrou que foi o PP o que denunciou que as máquinas do parque estaban paradas mentres os traballadores seguían a pasar gastos ao cobro."Que pretendían? Que non investigaramos o que pasaba? Eles entraron no parque da man dos traballadores para montar o lío, polo que agora que sexan eles tamén os que lles dean instruccións de que paren a liña de violencia que se está a seguir", dixo.  

 A carta formal a Alfonso Rueda foi enviada este luns á sede provincial do Partido Popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario