O Museo de Pontevedra, centro dunha cita histórica sobre Castelao
A Real Academia Galega de Belas Artes escolleu o Sexto para celebrar o acto institucional do Día das Artes Galegas, previo á inauguración da gran exposición sobre Castelao Artista
Infogauda / Pontevedra
O Museo de Pontevedra, institución museística que o propio Castelao contribuíu a fundar e que actualmente custodia a maior parte da súa obra, protagonizou na tarde de onte venres, unha xornada histórica ao acoller o acto institucional do Día das Artes Galegas e abrir as portas da primeira gran exposición sobre Castelao programada para este ano. Unha cita que convocou no Sexto Edificio do Museo a numerosas personalidades políticas, académicas, e relacionadas co mundo da cultura e da arte, entre as que destacou o máximo representante da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, o conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e unha representación da Deputación provincial encabezada pola presidenta, Carmela Silva, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Nesta cita tamén estiveron presentes representantes doutras institucións de relevancia no país como o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños Sánchez, - concello no que naceu Castelao e que o sábado acollerá un segundo acto institucional relacionado co Día das Artes Galegas-. Tamén asistiron representantes dos concellos da provincia -asistiron alcaldes e concelleiros e concelleiras de Bueu, As Neves, Tomiño, Barro, Marín, Pontecesures, Poio e Ponteareas-, máis dunha vintena de académicos e académicas da RAGBA, e representantes da Fundación Castelao, da Fundación Laxeiro, da Fundación Luis Seoane, de Afundación, do Museo provincial de Lugo, do Museo Galego de Arte Contemporánea 'Carlos Maside', e das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo. Así mesmo, tamén asistiron numerosas personalidades do mundo da cultura e da arte tanto da cidade como da provincia.
Día das Artes Galegas
O Día das Artes Galegas, iniciativa auspiciada pola Real Academia Galega de Belas Artes, está nesta edición dedicado a Castelao co obxectivo de afondar e difundir a figura de Castelao, como teórico da arte, creador, deseñador, caricaturista, debuxante e pintor. A RAGBA xustifica ademais esta declaración "en base ao esforzo teórico e achegas creativas de Castelao para a dignificación de Galiza e as súas formas de expresión tanto a través da súa obra, como do Seminario de Estudos Galegos, do grupo Nós, e tamén como exiliado e alí onde estivo".
A celebración formal do Día das Artes Galegas tivo lugar no Salón de Actos do Sexto Edificio e estivo encabezada por Manuel Quintana Martelo, no mome da RAGBA. Tamén interviron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Ademais das intervencións institucionais, a catedrática da Historia da Arte Contemporánea e consevadora da RAGBA, Mª Victoria Carballo-Calero, participou cun relatorio titulado 'Xénese e configurazón do Álbum Nós'. A actriz Uxía Blanco oficiou como mestra de cerimonias.
O Día das Artes Galegas foi declarado por primeira vez o pasado ano, que fora dedicado ao Mestre Mateo. A RAGBA escolleu o 1 de abril para homenaxear ás e aos artistas galegos en memoria do 1 de abril de 1188, data na que se asentaron os dinteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo. A candidatura para que o Día das Artes Galegas 2016 fose dedicado a Daniel Alfonso R. Castelao superou a pintores como Laxeiro ou Carlos Maside.
Exposición Castelao Artista
Despois do acto académico e previa á inauguración da mostra, a Sociedade Coral Polifónica ofreceu un breve concerto no espazo acristalado da planta baixa. Este concerto programouse en homenaxe a que Castelao, xunto a outras personalidades como Antón Losada Diéguez, Alexandre Bóveda, Antonio Blanco Porto ou Antonio Iglesias Vilarelle, tamén participou na fundación da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, que dera o seu primeiro concerto o 9 de abril de 1925 na igrexa conventual de San Francisco. Castelao foi ademais o artista que deseñou a súa imaxe.
Baixo a dirección de Nanette Sánchez Ordaz, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra interpertou tres pezas, antes de que o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, inagurase a exposición 'Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1908)'. Xosé Leal aproveitou para sinalar, tal e como xa fixera na presentación á prensa do pasado mércores, que se trata dunha mostra na que se poderá ver "o Castelao que está comezando a configurar a súa conciencia política e onde comeza a recoller xa parte dos elementos que farían agromar o seu posicionamento ideolóxico posterior". Tras a intervención de Xosé Leal, todas as persoas asistentes participaron nunha visita guiada que correu a cargo do director do Museo e comisario da mostra, Carlos Valle.
A exposición está concibida para valorizar os inicios da traxectoria de Castelao tomando como referencia o ano 1905, por ser o ano no que se data a súa primeira obra, e o 1920, xusto antes da exposición do Álbum Nós na Coruña. Está composta por 96 obras distribuídas nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edifico e permanecerá aberta ao público ata o 5 de xuño.
Ademais de amosar obras inéditas tamén conta co aliciente de ser a primeira vez que se poderán ver reunidas todas as obras de gran formato de Castelao conservadas en Galicia. A obra plástica está apoiada por toda unha serie de materiais de tipo documental que, a maioría delas, foron obxecto dunha delicada labor de recuperación e restauración por parte do equipo de restauración do propio Museo para poder ser expostas. O percorrido é cronolóxico e tómase como punto de partida o ano 1905 por ser a data na que aparece a primeira obra asinada por Castelao -que naquel momento aínda asinaba como Daniel Rodríguez C.-. Entre os anos 1912 e 1917 é cando se datan os seus óleos de gran formato, nos que o tema da cegueira e as grandes paisaxes acadan gran protagonismo. Precisamente é no ano 1917 cando Castelao pinta o seu último cadro de gran formato -'A tentación de Colombina'-. No último período que se aborda na mostra xa está presente a elaboración do Álbúm Nós, que segundo documentou o propio Castelao foi realizado entre os anos 1916 e 1918 cando xa vivía en Pontevedra e que coincide tamén co seu ingreso nas Irmandades da Fala. Este apartado da exposición ofrece ao público a posibilidade de apreciar o contraste entre os bosquexos e obras preparatorias e os debuxos definitivos que se inclúen no Álbum Nós.
O 80% da obra exposta xa se atopaba no Museo, mentres que o 20% restante foi cedida para esta mostra por parte de particulares e institucións públicas e privadas. Das obras de gran formato, catro delas proceden de Afundación, unha da Fundación Rodríguez Iglesias, dúas de coleccións privadas, e os tres óleos do tríptico realizado para o Balneario de Mondariz e que son propiedade da Real Academia Galega xa estaban en depósito no Museo desde o ano 2011.

Ningún comentario:
Publicar un comentario