Xosé Leal: "o novo goberno da Deputación traballa dende o primeiro día para dignificar a memoria histórica"
O deputado de Cultura e Lingua destacou que a aprobación da declaración institucional de hoxe no Pleno "é unha maneira de defender a democracia"
O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña
Infogauda / Pontevedra
O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña, asegurou hoxe que "o novo Goberno da Deputación traballa dende o primeiro día para dignificar a memoria histórica". Leal fixo estas declaracións ao expoñer no Pleno a moción sobre a memoria histórica e a ditadura franquista que finalmente foi tramitada como declaración institucional e aprobada pola unanimidade da Corporación provincial.
Na súa intervención o deputado nacionalista explicou que o texto da moción, baseado na Declaración de Vilaboa (de novembro de 2015) para declarar o ano 2016 como Ano da Memoria, reflicte o interese do novo goberno da institución provincial por dignificar a memoria histórica dende todos os ámbitos posibles. "As bases do Ano Castelao recollen unha liña de subvencións relacionadas coa memoria histórica e o Servizo de Publicacións da Deputación ten entre os seus criterios a publicación de estudos e libros sobre memoria histórica… O feito de que hoxe se tramite administrativamente unha declaración institucional de dignificación supón constatar as accións deste novo Goberno provincial", salientou.
Leal lembrou que o salón da Deputación onde se hoxe se celebrou o Pleno, ao igual que o edificio do Goberno Civil, foron escenarios no seu día de moitos consellos de guerra. Destacou tamén que o actual edificio Administrativo provincial foi unha prisión e que na Alameda morreron a tiros persoas como Ángel Torres López. "É por iso que aprobar hoxe esta declaración institucional nesta casa é unha maneira de defender a democracia", subliñou.
O deputado nacionalista agradeceu que o grupo provincial do Partido Popular -que se abstivera na comisión informativa de Réxime Interno ao tratar o asunto-, votase a favor do texto con BNG, PSOE e Grupo Mixto.
A declaración institucional recolle a condena do golpe de estado militar de 1936 e da ditadura franquista, así como o compromiso para a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución provincial coa ditadura. Tamén se recolle a promoción e desenvolvemento dun programa de actividades –en colaboración con entidades da memoria e concellos- arredor da memoria histórica e a realización dunha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras da Deputación que foron vítimas da represión franquista.

Ningún comentario:
Publicar un comentario