Alobre segue falando e revelando o seu pasado
Entre os novos achados das escavacións en Vilagarcía de Arousa hai unha fibela dunha armadura romana
Infogauda / Vilagarcía de Arousa
Alobre segue falando e revelando o seu pasado Se hai apenas unhas semanas o equipo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra anunciaba o achado de diversas estruturas e materiais arqueolóxicos, varias fíbulas e broches entre eles, esta semana os traballos no xacemento de Castro de Alobre seguen a dar sorpresas e a revelar novos datos de interese. Localizáronse novas estruturas arqueolóxicas e, nalgunhas zonas, empezan a escavarse depósitos ocupacionais, nos cales se documentaron cerámicas típicas da fase final da Idade do Ferro e outros obxectos de enorme interese.
Os achados de materiais de bronce, que seguen a ser numerosos, completáronse estes días co achado dunha fibela, que debeu de formar parte dunha armadura romana, cuxa cronoloxía é situada polos especialistas entre os séculos I a. C. e III d. C. Ademais, localizouse un fragmento, tamén de bronce, pertencente a un recipiente esférico, de perfil aberto e reducidas dimensións (de tan só 6 cm de diámetro), que puido pertencer a un pequeno cazo ou cullerón da época romana.
Segundo informa o equipo da Deputación, a escavación entra agora nunha nova fase, dado que, se todo procede de acordo coa planificación, nos próximos días empezarán a retirarse todos os derrubamentos documentados e iniciarase a escavación do concheiro, que ocupa gran parte da área de traballo.
Castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa, figura no protocolo da Deputación de Pontevedra co Ministerio de Fomento, xunto a outros 17 xacementos da provincia integrados nunha ruta destinada a potenciar o turismo de calidade. Ata o de agora, os arqueólogos da Deputación seguen a escavar no Trega, na Guarda, e en Castro de Alobre. Os próximos xacementos nos que se vai traballar son os da Lanzada, Sanxenxo e Cangas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario