12 de mar. de 2016

TOMIÑO

CORES TOURÍS ANUNCIOU O INVESTIMENTO DE CASE 200.000 EUROS NA PARCELARIA DE ESTÁS-GOIÁN-FIGUEIRÓ EN TOMIÑO    


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a Consellería de Medio Rural levará a cabo as derradeiras obras para acadar firmeza e a modificación dos acordos desta concentración  

A Xunta achegará 22 millóns de euros no presente ano para impulsar este tipo de iniciativas co obxectivo de rematar as 137 zonas activas en Galicia    

O delegado territorial - a dereita da imaxe - visitou o concello de Tomiño para informar destas novas a alcaldesa da localidade, Sandra González, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, así como do portavoz do PP da localidade, Esteban González

Infogauda / Tomiño 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou na mañá deste sábado día 12 de marzo, que a Consellería de Medio Rural destinará 200.000 euros para a concentración parcelaria de Estás-Goián-Figueiró en Tomiño, o que permitirá levar a cabo as derradeiras obras para acodar firmeza e a modificación dos acordos.  

 O delegado territorial visitou o concello de Tomiño para informar destas novas a alcaldesa da localidade, Sandra González, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, así como do portavoz do PP da localidade, Esteban González, quen solicitou a visita de José Manuel Cores Tourís para coñecer o investimento que a Xunta de Galicia vai realizar nesta parcelaria no presente ano.  

 Deste xeito, a Consellería de Medio Rural destinará case 200.000 euros para executar as derradeiras obras para acadar firmeza e as modificacións de acordo necesarias nesta tramitación ao longo de 2016.   

 Ademais, a administración autonómica actuará sobre catro quilómetros de camiños secundarios, nos cales abrirá tres novos camiños, e mellorará o firme do resto dos viais desta concentración.  

 Esta parcelaria afecta a tres parroquias do municipio de Tomiño: Estás, Goián e Figueiró e beneficia a 1.288 propietarios, que pasarán de contar con 12.256 parcelas a 2.697. A superficie concentrada é de 776 hectáreas, dedicándose case a metade delas, o 42%, á actividade agrícola.  
Achega de 22 millóns de euros   
 José Manuel Cores Tourís recordou a importancia de continuar cos procesos de concentración parcelaria, xa que permitirá mellorar a rendibilidade da actividade produtiva e facilitar que os predios abandonados ou que non formen parte de explotacións poidan mobilizarse para uso agrario. Ademais, a parcelaria axuda tamén a minimizar os efectos que poidan ter as grandes obras públicas ou explotacións de coutos mineiros, potenciar a conservación das zonas de maior interese ambiental, así como reducir as emisións que se derivan dos longos desprazamentos polas explotacións dispersas.  

 O delegado territorial recordou que a semana pasada o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avanzou a achega de 22 millóns de euros en 2016, o maior investimento nos últimos sete anos, para impulsar a concentración parcelaria. “Na provincia de Pontevedra serán 10 millóns de euros os que se investirán nas parcelarias, é dicir, case o 45% do total previsto pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís.  

 O obxectivo é multiplicar por tres o investimento dedicado a este fin, de cara a rematar as 137 zonas activas, que supoñen preto de 120.000 hectáreas, un millón de parcelas e 100.000 propietarios, e empezar a traballar nas zonas prioritarias agro-grandeiras.   

 A Xunta de Galicia pretende finalizar administrativamente todas as concentración parcelarias iniciadas en Galicia nun prazo de catro anos. A orde de prioridade para decidir as actuacións será a seguinte: aquelas que favorezan o final de procesos de reestruturación parcelaria que estaban a piques da súa finalización definitiva; as que propicien o avance dos procesos de reestruturación que teñan unha incidencia económica importante; e os traballos previos ao decreto de utilidade pública de novas zonas de reestruturación parcelaria.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario