O Goberno galego activará desde o 19 de marzo o Plan especial de visitas ao monumento natural das Catedrais durante a Semana Santa
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ofreceu hoxe os detalles desta actuación, que dá continuidade ao Plan de Conservación que se aprobou en xuño do ano pasado
Entre os obxectivos prioritarios desta folla de ruta está regular a afluencia masiva de visitantes, especialmente en tempada alta: Semana Santa, xullo, agosto e setembro
O control de visitas articúlase ao redor dunha páxina web, na que xa se poden solicitar as autorizacións para a Semana Santa
O mesmo sistema xa funcionou durante o pasado verán, no que se rexistraron 240.000 persoas en tres meses Haberá catro profesionais controlando o acceso ao areal, e outras catro persoas xestionando as áreas de aparcamento
Ademais, este ano está previsto iniciar outras accións neste espazo, como a eliminación de especies exóticas e invasoras, e a mellora das escaleiras e da explanada de acceso
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, investiu desde o ano pasado máis de 250.000 euros en distintas actuacións neste monumento natural
Beatriz Mato durante a rolda de prensa na que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez
Infogauda / Ribadeo
A Xunta de Galicia limitará durante a Semana Santa –en concreto, do sábado 19 ao luns 28 de marzo, ambos incluídos- o acceso ao monumento natural das Catedrais. Esta acción dá continuidade ao Plan de conservación deste espazo que se aprobou en xuño do ano pasado, e que establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta, isto é, en Semana Santa, xullo, agosto e setembro.
Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha rolda de prensa na que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
A titular do departamento autonómico recordou que o Plan de conservación para o areal púxose en marcha co fin de preservar e conservar o espazo natural e fomentar un turismo sostible, “que beneficie tanto ás xeracións actuais, a través da dinamización económica e social da zona, como ás vindeiras, grazas á preservación deste monumento natural”.
Por iso, unha das principais medidas que se estableceu nesta folla de ruta foi limitar a afluencia masiva de visitantes, un feito que pode producir alteracións no hábitat das especies, e mesmo nos procesos erosivos da área.
O Plan de Conservación fixa unha cota máxima de 4.812 persoas diarias. Para facilitar a obtención da autorización, púxose en marcha unha páxina web (https://ascatedrais.xunta.es/), que permite facer a reserva de forma sinxela e gratuíta. O sistema xa funcionou o verán pasado, no que se recibiron preto de 240.000 visitantes. Dentro dos tres meses (xullo, agosto, e setembro) no que estivo vixente, a cota de 4.812 visitantes só se completou en 14 días, todos eles en agosto. Actualmente, as persoas interesadas xa poden realizar as reservas para os días de Semana Santa.
Reparto por cupos
As 4.812 autorizacións vanse repartir por cupos entre distintas entidades públicas e privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto, un total de 3.486. Outras 480 autorizacións serán xestionadas pola Mancomunidade de concellos da Mariña lucense; 240 polo Clúster de Turismo de Galicia; 329 polos hoteis de Ribadeo; 165 para a empresa de autobuses EOCAR, sempre que confirme que vai realizar a ruta Ribadeo-As Catedrais; e 112 para os taxis de Ribadeo.
Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre o xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese.
Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de axudar aos condutores a atopar unha praza. No Plan da Xunta tamén se coordinan as prazas de aparcadoiro, co fin de evitar conxestións. En tempada alta, disporase de catro aparcamentos distintos e gratuítos: dous deles no concello de Ribadeo, un próximo ao monumento natural, con capacidade para 120 turismos e 4 autobuses; outro a quilómetro e medio, na praia de Barreiros, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa para 140 turismos; e, durante a Semana Santa, o concello de Barreiros habilitará unhas explanadas a maiores para estacionar vehículos.
Mato fixo fincapé tamén en que este ano se volverá ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de 30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía. O ano pasado un total de 7.000 visitantes elixiron esta opción.
Outras actuacións
A regulación das visitas é un obxectivo prioritario, “pero non o único”, subliñou a conselleira. Ao respecto, lembrou que desde xuño pasado, cando se puxo en marcha o Plan de conservación, conseguíronse distintos avances como habilitar un sendeiro para evitar que os visitantes empregaran a estrada; colocar bolardos; instalar sinais de perigo; ou poñer valados nos puntos de maior perigo. En total, o investimento nestas actuacións ascendeu a 130.000 euros, aos que se suma o orzamento para o persoal destinado no monumento nos períodos indicados (Semana Santa e época estival).
Este ano están previstas novas accións. En concreto, eliminaranse as especies exóticas e invasoras no monumento e, en coordinación coa Dirección Xeral de Costas, efectuarase unha obra de mellora das escaleiras e da explanada de acceso.
En definitiva, rematou Mato, “estamos a dar todos os pasos precisos para conseguir que aqueles que o desexen poidan gozar da beleza da praia das Catedrais, ao tempo que garantimos a súa máxima protección e conservación”
Ningún comentario:
Publicar un comentario