11 de mar. de 2016

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O BNG informa sobre a instalación dunha macro-antena en Camposancos  

“Para o BNG a tramitación xera moitas dúbidas e a desaparición dos Alcaldes do PSOE non tranquiliza ao pobo de Camposancos”  

O concelleiro do BNG, Ángel Luis Baz Vicente, escoitando ás inquedanzas dos veciños de Camposancos, na Asemblea Aberta que tivo lugar na sede da Entidade Local Menor de Camposancos


Infogauda / Camposancos 

 O Bloque Nacionalista Galego realizou unha Asemblea Aberta en Camposancos para informar aos veciños da instalación dunha estación base de telefonía móbil no lugar coñecido como “Cabo da Veiga”, preto do cemiterio de Camposancos. Ante unha sala ateigada de veciños de Camposancos, os membros do grupo municipal do BNG foron detallando as dúbidas que saltan a vista ao examinar o expediente da antena de telefonía móbil.  

 O primeiro que hai que indicar - afirman os concelleiros do Grupo Municipal do BNG na Corporación Municipal de a Guarda - son as dimensións da antena, 40 metros de altura soamente comparábel coas antenas do monte Santa Trega ou das chemineas da que foi Cerámica Santa Tecla, que fan desta unha instalación de proporcións considerábeis que se pretende colocar a uns 15 metros da estrada principal. 

 Outra das cuestións é como houbo un cambio na postura da Consellería de Medio Ambiente do PP, nun primeiro instante informou negativamente para rematar informando favorablemente co único soporte dun informe da propia empresa telefónica. Iso sí, en todo momento os informes da consellería falan dun impacto paisaxístico considerábel. 

  Para BNG resulta estraño a falta de alternativas de colocación da macro-antena por parte da empresa telefónica.  

 Segundo os concelleiros do BNG “na reunión os veciños rexeitaron a instalación dunha antena de semellantes dimensións. Entre outras preocupacións amosáronse as relacionadas coa saúde, a seguridade ante un posíbel accidente ou o valor das propiedades no caso de que finalmente se instale aí. 

 O BNG, ao igual que manifestou a veciñanza, que en ningún momento cuestiona o dereito a mellorar a cobertura da zona, pero o que si se cuestiona é a falta de alternativas

 Para o BNG existen moitas lagoas nesta tramitación, así comprometeuse a presentar un escrito no concello para que se aclaren todas as dúbidas existentes e que se busquen outras opcións antes ca instalación que se prevé facer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario