Uxío Benítez aposta pola recuperación do contorno da estación de tren de As Neves para a dinamización turística do Miño
O deputado provincial de Mobilidade recibiu hoxe ao alcalde e escoitou as súas peticións en materia de infraestruturas
Infogauda / As Neves
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de área da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, para falar da mellora da rede viaria provincial dentro do municipio. Unha das iniciativas polas que o deputado nacionalista mostrou máis interese foi pola recuperación e urbanización da estrada provincial que leva á estación do tren (EP-4204 As Neves-Estación), xa que, xunto coa mellora do propio edificio de Adif, podería supoñer unha actuación de gran valía de cara á dinamización turística do río Miño. No encontro tamén se falou das actuacións que a Deputación pontevedresa ten previstas ao abeiro do Plan MOVESE, que pretende mellorar a seguranza viaria das estradas mediante o calmado do tráfico; así como da posibilidade de dar continuidade á estrada provincial EP-4201 ata a A-52.
Segundo explicou o deputado de Mobilidade, os servizos técnicos provinciais están a valorar nestes momentos as obras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Hai que lembrar que o Concello de As Neves conta con seis vías provinciais cunha lonxitude total de uns 22 quilómetros nas que hai puntos de gran densidade peonil que precisan dunha actuación para garantir a mobilidade a pé dos veciños. O Concello de As Neves solicitou actuacións de calmado do tráfico na EP-4006 que comunica con Ponteareas, na EP-4202 Tortoreos-Rubios-Carrasqueira, na EP-4101 Meder-Taboexa e na EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide.
Por outra banda, o alcalde de As Neves plantexou a posibilidade de mellorar a conexión das parroquias da zona leste do concello coa autovía A-52. A proposta que fixo ao deputado consistiu en que a Deputación reforme a estrada municipal que une a EP-4201 coa autovía, facéndose cargo da súa titularidade a cambio de que o concello se faga cargo doutras vías de titularidade provincial que teñen características urbanas. A intención deste ‘troco' de estradas, segundo dixo, "é vertebrar a zona leste do municipio e dar servizo a uns veciños que a día de hoxe teñen que facer un longo percorrido para poder acceder ao enlace coa autovía que vai á meseta". Uxío Benítez garantiu a Rodríguez Méndez que valoraría a proposta cos técnicos provinciais e daría unha resposta para unha actuación a medio prazo.
Así mesmo, Benítez manifestou o seu interese pola reforma do contorno da estación do tren de As Neves. Subliñou que sería positivo plantexar unha urbanización para a EP-4204 que une As neves coa estación. "Hai que ver de mellorar estas travesías en desuso con actuacións que sigan o decálogo de criterios para as vías provinciais, fomentando a mobilidade peonil e poñendo en valor unha zona que ten unha grande potencialidade turística arredor do Miño". O deputado destacou que a mellora da estrada debería ir conxugada con outras actuacións de gran importancia, como a recuperación do edificio da estación. Neste sentido, Benítez lembrou que a Deputación lidera varios proxectos de cooperación transfronteiriza para conseguir fondos europeos, invertelos nas ribeiras do Miño e potenciar o espazo da ‘raia' como un destino turístico natural de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario