10 de mar. de 2016

A GUARDA

O CIM presenta a obra “As do Peixe”  

A representación quere conmemorar o Día Internacional da Muller   

A cita é este venres, no Centro Cultural ás 20:30 horas. 



Infogauda / A Guarda

 O Centro de Información á Muller do Concello de A Guarda participa en diferentes actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo.  Unha destas iniciativas é a representación teatral da obra “As do Peixe”, que terá lugar no Centro Cultural este venres, día 11 de marzo, ás 20:30 horas. Este espectáculo conta a vida de catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, a man de obra barata dunha industria que, ao longo do tempo e da  xeografía, acabou por facer parte da paisaxe emocional do noso país. 

 Estas catro mulleres representan miles de anónimas traballadoras: as súas humildes historias, as súas vidas comúns, as súas íntimas arelas, os seus modestos soños, as súas pequenas frustracións.  A súa memoria colectiva.    

 A representación é divertida, reflexiva e tamén reivindicativa, porque así eran aquelas mulleres.  

 A entrada é de balde ata completar o aforo polo que para acceder, se deberán recoller  con anterioridade as entradas, no Centro Cultural ou no Centro de Información á Muller (ao lado do Xulgado de Paz).  

SÁBADO: "AS NOSAS CHABOLAS"
 Outra das actividades organizadas é a representación de “As nosas chabolas” coa colaboración da Agrupación “Coiro Vello”. Neste acto  recrearase a vida nas chabolas mariñeiras da Guarda.   A cita é o sábado 19 de marzo, ás 20:00 horas no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario