31 de mar. de 2016

A GUARDA

O Partido Popular traslada ao pleno de mañá as críticas nos procesos de selección do plan provincial de emprego  

Conchi Ortega critica que “algo non está funcionando ben cando as queixas son tan numerosas e os agravios tan evidentes”. 

Propoñen que a Oficina de Emprego envíe a relación total de desempregados guardeses nas categorías que oferta o concello. 

Piden ao concello que cando non haxa un número importante de aspirantes, esixan unha ampliación. 

Critican que non sexa obrigatorio destinar a liña 4 do Plan Concellos provincial para a xeración de emprego.  
Conchi Ortega Martínez - no centro da imaxe - cos demais compoñentes do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda traslada ao pleno municipal que se celebra este venres as críticas nos procesos de selección do plan provincial de emprego

 A voceira dos populares, Conchi Ortega Martínez, di que hai un descontento xeneralizado entre os desempregados cada vez que se fan públicas as listas que se envían desde a Oficina de Emprego de Tui, pero tamén cos procesos de selección do propio concello.   

 “Algo non está funcionando ben cando as queixas son tan numerosas e os agravios tan evidentes”, destaca Ortega Martínez. Como exemplos cita dous casos. “Cando para un posto como animador sociocultural só había un candidato, tivemos a constancia absoluta de que algo falla nas administracións que xestionan este plan”, explica. Ademais, engade, “enviaron varios candidatos para a selección de electricistas sen coñecementos no oficio, habendo traballadores con experiencia aos que nin sequera chamaron”.   

 Para solucionar esta situación, “na que moitos desempregados son chamados ata seis veces, e outros ningunha”, o Partido Popular de A Guarda, propón solicitar á Oficina de Emprego de Tui, e á Consellería de Economía e Industria da que depende, que envíe o número total de desempregados guardeses en cada categoría que oferta o concello. No caso de que limiten o número por oferta, a pesar de que entenden que non é o máis desexable, piden que cada traballador só participe nunha categoría para que haxa máis posibilidades de que outros desempregados entren na oferta, e que se cumpra o criterio de antigüidade rigorosamente

 Os concelleiros do Grupo Municipal do PP ademais, propoñen que no caso de que unha persoa renuncie sen motivo xustificado, non sexa admitida como candidata na seguinte convocatoria, e que se comprobe a experiencia ou coñecemento profesional dos candidatos.  

 Ao Concello de A Guarda, o PP esixe que cando non haxa un número importante de aspirantes, pida unha ampliación, xa que entenden que con un candidato só non se pode facer unha selección. Os concelleiros populares tamén propoñen que sexa un xurado profesional e independente quen se ocupe da selección, de acordo coas bases que rexen o plan de emprego provincial.  
INVESTIMENTO EN EMPREGO 
 Outra das críticas que fan os populares é que a Deputación de Pontevedra deixe a valoración dos concellos destinar a cantidade que reciben na liña 4 do Plan Concellos para fomentar o emprego ou para outros investimentos

 “É importante contar con plans que sitúan o emprego como prioridade e que permiten axudar ao concello nos seus servizos desde hai anos. Non nos parece acertado este cambio de criterio”, valora Conchi Ortega.   Por este motivo, proporán no pleno que se inste á Deputación de Pontevedra a que a liña 4 do Plan Concellos só se poida destinar exclusivamente para xerar emprego

Ningún comentario:

Publicar un comentario