26 de xan. de 2016

A GUARDA

Os nenos e nenas do municipio preparan un vídeo musical realizado por persoas que sincronizan os seus labios, xestos e movementos ("lipdub"para conmemorar o Día da Paz  

Os escolares guardeses dos diferentes centros educativos, da man do centro San Xerome Emiliani,  uníronse para facer un baile con mensaxe para conmemorar esta data. A Concelleira de Educación, Elena Baz, afirmou que foi unha iniciativa “moi emocionante” 

Máis de 350 escolares de diferentes idades uníronse para preparar un vídeo conmemorativo do Día da Paz
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Os nenos do municipio de A Guarda dos diferentes centros educativos xuntáronse este martes día 26 de xaneiro, para preparar a celebración do Día da Paz, fixado no día 30 de xaneiro.  

 Máis de 350 alumnos de diferentes idades uníronse nun lipdub -vídeo musical realizado por persoas que sincronizan os seus labios, xestos e movementos- ao son da canción “Seguiremos” do artista Macaco. Nos próximos días, e tras a montaxe das imaxes, o vídeo se publicará.  

Na imaxe podemos ollar o equipo técnico no decurso da rodaxe do vídeo, no exterior do Centro Cultural de A Guarda

 A idea de facer esta gravación partiu de Pablo Álvarez, monitor de diferentes actividades do Colexio San Xerome Emiliani. “A primeira idea foi facelo a nivel de centro pero consideramos que era bo que os diferentes nenos e nenas se unisen nesta actividade”, afirma Álvarez. Aínda que recoñece que é unha actividade que da moito traballo, todos os participantes están moi contentos polo resultado. 

Unha pomba - deseñada por Pablo Ruiz Picasso -, en máns dunha alumna que seus compañeiros erguen cara o ceo, toda unha imaxe de compromiso dos máis mozos coa Paz no mundo.

 “Para conmemorar unha data coma esta era importante a unión de os nenos e nenas de todos os colexios”, comentou Pablo Álvarez tras a gravación.  

A Concelleira de Educación e Cultura, Elena Baz, estivo presente nesta actividade. “Paréceme unha iniciativa estupenda. Todas as actividades que fagan os nenos e nenas ou polos nenos e nenas, é apostar por un futuro mellor para a nosa vila”, afirmou a Concelleira.   

 Elena Baz agradeceu a colaboración a todos os centros escolares, e por suposto ao centro San Xerome Emiliani, do que partiu a iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario