26 de dec. de 2015

VIGO

Unha neumóloga do CHUVI, María Torres, recibe sobresainte cum laude na súa tese de doutoramento 

A tese presentada tivo por obxecto a investigación entre a relación do gas radón nas vivendas co cancro de pulmón en individuos que nunca fumaron 

No traballo estudáronse 192 pacientes, incluíndo todos os casos detectados en sete hospitais públicos de Galicia e un de Asturias 

Desta investigación pódese concluír que a exposición a radón residencial é un factor de risco para cancro de pulmón para os que nunca fumaron 

A doutora María Torres considera que “o illamento é fundamental para impedir a penetración do gas radón nas vivendas polo que débese ter en conta esta circunstancia á hora de construír edificacións novas”

María Torres

Infogauda / Vigo

 Unha tese de doutoramento sobre a influencia do gas radón nos casos de cancro de pulmón en individuos que non fumaron en toda a súa vida. É o traballo co que a neumóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro, María Torres, doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela con “sobresainte cum laude”. No traballo estudáronse 192 pacientes, incluíndo todos os casos detectados en sete hospitais públicos de Galicia e un de Asturias.

 A maioría dos estudos existentes analizaban a relación entre cancro de pulmón e exposición a radón residencial foron realizados en persoas fumadoras ou exfumadoras. 

 “Realicei o traballo na Universidade de Santiago, baixo a supervisión do doutor Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva da Facultade de Medicina”, apunta a doutora Torres, que comprobou, tras a análise dos datos, un incremento do risco de cancro de pulmón en persoas nunca fumadoras expostas a concentración elevadas de radón residencial. “Pódese concluír que a exposición a radón residencial é un factor de risco para cancro de pulmón para os que nunca fumaron”.  
 Gas moi abundante en Galicia 
 O gas radón é moi abundante en Galicia, debido ó alto contido en granito do subsolo que logo penetra nas vivendas. A súa influencia, polo tanto, depende da área xeográfica e é máis elevada conforme as vivendas teñan maior antigüidade, porque antes non había tanta facilidade para illar as construcións como pode habela agora.  Por ese motivo, María Torres conclúe que debería terse en conta ese factor cando se constrúan edificacións novas: “O illamento é fundamental para impedir a penetración do gas radón nas vivendas e haberían de introducirse novas medidas preventivas no Código Técnico de Edificación ao que deben adaptarse todos os inmobles que se constrúan”.  
Máis mulleres que homes 
 A franxa de idade que se estudou é principalmente a incluída entre os 60 e os 80 anos e a maioría dos casos foron mulleres, nun elevado porcentaxe amas de casa. O motivo polo que hai mais mulleres ca homes podería deberse a que en Galicia, e especialmente no rural, o número das mulleres nunca fumadoras de esa xeración é moi superior o de homes.  

 E aínda que só é unha hipótese de traballo sobre a que haberá que seguir investigando, terá que analizarse se as amas de casa poderían ter maior probabilidade de verse afectadas por pasar máis tempo dentro da vivenda. “Pero, de momento, só é unha hipótese de traballo”, afirma a doutora Torres.  

 Outro factor que pode ter influenza no risco de cancro de pulmón en nunca fumadores e que tamén estudaremos é a exposición a tabaquismo pasivo, con frecuencia derivado da convivencia con fumadores.  

 “Agora traballamos na continuación da investigación, analizando datos recollidos e non incluídos na tese doutoral e sobre máis hipóteses como á do tabaquismo pasivo, o papel de terminados polimorfismos xenéticos e outras”, dixo a doutora Torres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario