10 de dec. de 2015

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra e a Fundación Telefónica mostran a faceta artística do fotógrafo Virxilio Vieitez cunha retrospectiva da súa obra 

A retrospectiva foi presentada este xoves polo deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, pola filla do fotógrafo, Keta Vieitez, polo director territorial de Telefónica en Galicia, Roberto Vázquez, e polo director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle


Infogauda / Pontevedra

 Máis de cen imaxes, na súa maioría inéditas, do fotógrafo pontevedrés Virxilio Vieitez, seleccionadas por Fundación Telefónica, poderán verse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ata o 7 de febreiro de 2016 nunha exposición que mostra a faceta artística dun dos máis importantes retratistas da nosa historia fotográfica. Vieitez é un dos autores de referencia da España das décadas dos anos 60 e 70 e a exposición reúne 118 fotografías dos anos 50 ata finais dos 70, das cales 14 son en cor.  

 Tras expoñerse a súa obra no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, no Espazo Fundación Telefónica de Madrid, na Fundación Provincial de Cultura da Deputación de Cádiz, na Hospedería Fonseca de Salamanca e na Biblioteca Pública do Estado de Zamora, este proxecto reúne no Museo de Pontevedra unha significativa selección da súa obra, na que destacan as fotografías destinadas aos documentos de identidade. Trátase de fotografías realizadas sempre sobre un fondo branco, que ofrecen unha representación etnográfica de gran valor a través dos rostros das persoas que, aínda coa súa singularidade e características propias, compoñen o retrato dun pobo.  

 A selección inclúe as primeiras fotografías en cor, obras que marcan o avance dunha época na cal a innovación tecnolóxica coincide con cambios políticos e sociais que afectan á linguaxe fotográfica. O percorrido de Virxilio Vieitez complétase con fotografías de grupo, nenos, haigas, posados de exterior, fotografías de estudo, oficios, o circo e unha referencia aos enterramentos ou fotografías de falecidos. A través destas 118 imaxes de encargo, especialmente daquelas destinadas aos emigrantes galegos que se encontraban en Arxentina, México e Venezuela e que recibían así un testemuño visual dos seus familiares en Galicia, a mostra proporciona ademais unha visión da España rural da década dos anos 60. Ademais, exhíbese o documental Virxilio Vieitez. Más allá del oficio (2005), de José Luis López Linares.  

 Vieitez foi un fotógrafo rural que documentaba os momentos vitais máis importantes das familias pontevedresas –comuñóns, bautizos, vodas ou funerais–. Grazas á súa capacidade e a unha intuición extraordinaria para a posta en escena Vieitez obtivo un testemuño fidedigna e unha memoria visual da súa contorna. O arquivo, conservado pola súa filla Keta, garda a totalidade da súa produción e conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), a vila na que Vieitez naceu e na que traballou case toda a súa vida.  

 Para este proxecto levouse a cabo unha investigación que tivo en conta a práctica totalidade dos negativos datados entre 1953 e 1980 –máis de 50.000– e recuperouse material inédito de caixas seladas e latas que contiñan metros de película que nunca foran positivados tras a súa primeira utilización –é dicir, tras o encargo do cliente da época–.

Ningún comentario:

Publicar un comentario