A conselleira do Mar participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios e na Conferencia Sectorial de Pesca
Rosa Quintana entrega ao Magrama e á súa homóloga asturiana un informe cos argumentos para incrementar as posibilidades de pesca que propón a Comisión Europea para 2016
Fixo entrega deste documento técnico co obxectivo de intentar incrementar as propostas feitas pola Comisión para especies dunha importancia transcendental para a frota española, fundamentalmente para a galega
Na Conferencia Sectorial acordáronse as contías e a distribución das axudas para as paradas temporais con cargo ao novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que no caso de Galicia, de ser necesaria unha parada temporal para a sardiña corresponderíanlle 935.000 euros
A conselleira do Mar participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios e na Conferencia Sectorial de Pesca
Infogauda / Galicia
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, entregoulle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (Magrama) e á súa homóloga asturiana, María Jesús Álvarez González –que ostenta a representación das Comunidades Autónomas en Bruxelas-, un documento técnico que xustifica os argumentos da Xunta de Galicia para incrementar as posibilidades de pesca que propón a Comisión Europea para 2016 para determinadas especies. Foi no transcurso do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, celebrado hoxe en Madrid.
A conselleira fixo entrega deste informe co obxectivo de intentar incrementar as propostas feitas pola Comisión para especies “dunha importancia transcendental para a frota española, fundamentalmente para a galega”. A conselleira do Mar trasladou que o Ministerio comparte a postura defendida por Galicia e está disposto a empregala na defensa do noso sector pesqueiro diante das institucións Europeas.
Neste sentido, lembrou que no ano 2011 a Comisión propuxo unha rebaixa da cota do lirio dun 93% e grazas aos informes presentados por Galicia, no seguinte exercicio incrementouse esta posibilidade de pesca nun 600%. A conselleira reiterou que “sempre defendemos que estas variacións dun ano a outro non son boas para o sector e que é necesario darlle unha estabilidade”, de aí a elaboración deste documento para que se teña en conta á hora de decidir os TACs e cotas do próximo ano.
Así mesmo, Rosa Quintana adiantou que a Comisión Europea propón unha baixada dun 40% na cota do lirio. Diante desta proposta, a conselleira trasladou que se encargou un estudo socio-económico e que tamén se lle fará chegar ao Magrama e ao Goberno asturiano nos vindeiros días. Neste estudo reflexarase o impacto que pode supor unha baixada deste tipo para o sector pesqueiro nos aspectos social e económico.
Axudas para paradas temporais
A conselleira tamén explicou que na Conferencia Sectorial de Pesca se acordaron as contías e a distribución das axudas para as paradas temporais con cargo ao novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). Neste sentido, sinalou que se acordou facer a xestión das subvencións desde o propio Ministerio para “acadar unha igualdade de trato para todas as frotas e para todos os tripulantes”. Así, dixo que se en Galicia fose necesaria unha parada temporal para a sardiña, corresponderíanlle 935.000 euros
Ningún comentario:
Publicar un comentario