A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil nomea socia de honra a Helena Villar Janeiro
O secretario xeral de Cultura asistiu ao acto de homenaxe á escritora, que tivo lugar hoxe no instituto compostelán Arcebispo Xelmírez I, onde exerceu a docencia
Helena Villar Janeiro
Imaxe de Álvaro Ballesteros
Infogauda / Santiago de Compostela
A Asociación Galega do Libro Infantil de Xuvenil GÁLIX homenaxeou a escritora Helena Villar Janeiro co nomeamento de socia de honra da entidade, nun acto público que tivo lugar na capital de Galicia e ao que asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O IES Arcebispo Xelmírez I, centro educativo no que a homenaxeada exerceu a docencia, foi o escenario da entrega deste galardón, na que a escritora María Solar realizou a correspondente laudatio. Os alumnos e alumnas tiveron unha participación activa na homenaxe, coa lectura de textos da escritora, e o presidente de GÁLIX foi o encargado de lle entregar á autora unha escultura deseñada por Noemí López, que acredita o nomeamento.
Autoras e autores galegos de referencia como Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey, entre outros, foron homenaxeados en anteriores edicións con esta distinción de GÁLIX, entidade coa que a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando anualmente na coedición do Catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, que serve como presentación en Galicia e no ámbito internacional (feiras do libro) da creatividade galega neste campo.
En 2014, a Biblioteca de Galicia incorporou aos seus fondos máis de 5.000 volumes de GÁLIX, que ten actualmente a súa sede na Cidade da Cultura de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario