3 de dec. de 2015

OIA

XUNTA DE GALICIA, CONCELLO E CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA ANALIZAN AS NECESIDADES DOS MARXES DOS RÍOS CARBALLAS E BROI EN OIA

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, o presidente da Confederación Hidrográfica da cunca Miño-Sil, e a alcaldesa da localidade visitaron varios puntos que presentan problemas de arrastre


A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra José Manuel Cores Tourís; o presidente da Confederación Hidrográfica da cunca Miño-Sil, Francisco Marín; o xefe do Servizo Territorial de Augas de Galicia en Pontevedra, Francisco Alonso e o tenente alcalde de Oia, Eugenio Portela, na ponte sobre o río Carballas, en Loureza.

Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou na mañá deste xoves día 3 de decembro o concello de Oia para, en compaña do presidente da Confederación Hidrográfica da cunca Miño-Sil, Francisco Marín, e a alcaldesa da localidade, Cristina Correa, analizar as marxes dos ríos Carballas e Broi.     

 Tamén estiveron na reunión o xefe do Servizo Territorial de Augas de Galicia en Pontevedra, Francisco Alonso, así como o tenente alcalde de Oia, Eugenio Portela.   

 Deste xeito, as tres administracións, Estado, Xunta de Galicia e concello, colaborarán na posta en marcha de proxectos que melloren varios puntos de ambos ríos que presentan necesidade de protección e limpeza.  

 En concreto, os tres responsables políticos comprobaron a situación das beiras do río Carballas na parroquia de Loureza, onde será necesaria a posta en marcha dun proxecto para a protección destas marxes así como para a resolución dos problemas de arrastre da praia fluvial desta parroquia. “O obxectivo - explicou a alcaldesa - é dar unha solución ao acondicionamento destas beiras e tamén legalizala situación da comunidade de regantes de Loureza”.   

 “Revisamos diferentes puntos neste río co obxectivo de comprobar cales son as zonas onde se atopan tapóns de arrastre de maleza e árbores que impiden o seu curso normal, e que poden ser motivo de problemática unha vez que cheguen os temporais do inverno”, explicou pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Estes puntos soen ser máis habituais nas inmediacións de pontes e pontóns.  

 Finalmente, tamén se comprobou o río Broi, onde Augas de Galicia está a traballar para tratar de atallar problemáticas similares ás do río Carballas. “En definitiva - rematou Cores Tourís - o que pretendemos é garantir que as enchentas non causen graves arrastres e que poidamos protexer as marxes dos ríos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario