A Secretaría Xeral de Política Lingüística pecha o ano Filgueira Valverde coa publicación dunha escolma de textos literarios e xornalísticos
Poemas, narracións e artigos de prensa compoñen este novo caderno de pensamento e cultura elaborado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
O acto contou coa presenza de varios familiares do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García
Ao acto asistiron familiares de Xosé Filgueira Valverde; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o editor deste caderno, Luís Alonso Girgado; entroutros convidados.
Infogauda / Santiago de Compostela
Como remate ao ano das Letras Galegas 2015, dedicado a Xosé Filgueira Valverde, o Centro Ramón Piñeiro, -que xa publicara un libro de homenaxe ao mestre e polígrafo pontevedrés, cun feixe de estudos sobre a súa vida e obra-, presentou a ‘Escolma de textos literarios e xornalísticos’, que supón o número trinta e catro dos Cadernos Ramón Piñeiro.
Ao acto asistiron familiares de Xosé Filgueira Valverde; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o editor deste caderno, Luís Alonso Girgado; entroutros convidados.
Foi Fernando Filgueira, fillo do escritor e humanista, o que calificou esta publicación como ‘colofón fundamental e magnífico’ ao ano dedicado ao seu pai, e que supón ‘un aperitivo para seguir a interesarse polos artigos de prensa de Filgueira Valverde’.
O secretario xeral de Política Lingüística aludiu a Filgueira como ‘titán da cultura galega e piar da Galicia contemporánea’. Valentín García incidiu no aspecto ‘poliédrico’ da figura de Filgueira Valverde e lembrou que hai que ‘seguir a estudar sobre el, aínda que remate este ano que se lle dedicou’.
Nesta compilación conviven literatura de creación (verso e prosa, lírica e narrativa) e artigos xornalísticos tamén de diverso asunto, culto ou popular, presente ou pasado. Por último, atopamos unha escolla de fragmentos biográficos na que aparecen un feixe de galegos ilustres, moitos deles amigos do propio Filgueira.
Luís Alonso Girgado, editor deste número –no que contou coa axuda de Laura Blanco e Manuel Quintáns-, puxo especial énfase aos artigos en prosa durante a presentación, lembrando que ‘a clave que os une é Galicia’, e engadiu que o traballo de escolma foi ‘respectuoso cos textos orixinais’, polo que está ateigado de notas a pé de páxina o que supón unha ‘facilidade para os lectores, dado o seu fondo didáctico’.
O volume, en palabras do seu editor, ‘tenta ser unha fiestra aberta á obra múltiple e polifacética dun notable humanista, mestre en moi numerosos saberes e galego impar e xeneroso’.
Como remate, o secretario xeral de Política Linguística lembrou que queda a publicación dun caderno Ramón Piñeiro sobre a produción que Filgueira Valverde lle dedicou á cidade de Santiago de Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario