A Xunta de Galicia destinará máis de 20,5 millóns de euros ao apoio e promoción do emprego autónomo en 2016
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira liña de axudas por máis de 17,3 millóns de euros para apoiar aos autónomos galegos
A través desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvenciona as altas como autónomos que se formalicen desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016
O programa conta con dúas subvencións: unha para o establecemento como autónomo, con axudas de entre 5.000 e 10.000 euros e outra específica para menores de 30 anos, cunha contía de 1.200 euros
Nos próximos días publicaranse, ademais, as axudas orientadas á promoción do emprego autónomo de menores de 30 anos e o programa de impulso da contratación indefinida
Estes programas enmárcanse dentro do programa integral de apoio ao emprendemento no que a Xunta destinará en 2016 máis de 40 millóns
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina en 2016 máis de 20,5 millóns de euros para apoiar aos autónomos galegos. En concreto, trátanse de catro convocatorias de axudas: o programa de promoción do emprego autónomo por 17,3 millóns de euros; o apoio aos autónomos menores de 30 anos por máis de 2,5 millóns; as axudas a autónomos para a contratación indefinida de persoas asalariadas por 500.000 euros; e, por último, o programa de apoio ás asociacións de autónomos, entre outras.
O primeiro dos programas, de 17,3 millóns de euros para a promoción do emprego autónomo publícase hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase dunha liña de axudas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a través do Programa Operativo de Galicia, pola que se subvencionarán, en concreto, as altas como autónomos que se formalicen desde o 1 de outubro de 2015 e ata o 30 de setembro de 2016, ambos inclusive. O programa para apoiar aos autónomos galegos conta con dúas subvencións: unha para o establecemento como autónomo, con axudas de entre 5.000 e 10.000 euros; e unha segunda para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego xuvenil para menores de 30 anos, cunha contía de 1.200 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses desde mañá.
Por unha banda, a axuda para establecerse como autónomo concederase sempre que se acredite o requisito de realizar un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación. Ademais, a axuda concederase sempre e cando se realice este investimento no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores, coa data límite, en todo caso, do 20 de decembro de 2016.
As contías desta liña de axudas é a seguinte: 5.000 euros para persoas desempregadas en xeral; 8.000 euros para os homes desempregados con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco de exclusión social; e de 10.000 euros para as mulleres desempregadas con discapacidade ou en situación de exclusión social.
Menores de 30 anos
Doutro lado, co obxectivo de axudar ás persoas mozas desempregadas ao inicio e mantemento do emprego como autónomo e, deste xeito, facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, a Xunta poderá concederlles unha axuda de 1.200 euros para persoas menores de 30 anos que presenten a alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade profesional desde o 1 de outubro de 2015 ata o 30 de setembro de 2016.
A persoa interesada en optar a este programa de axudas do Goberno galego poderá contar co asesoramento dos axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Ademais, o DOG publicará nos próximos días unha liña de axudas específica para os menores de 30 anos para a promoción do emprego autónomo das persoas novas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Para esta iniciativa, a Consellería de Economía destinará en 2016 máis de 2,5 millóns. Esta iniciativa conta tamén con dous tipos de axuda: subvencións para os mozos e mozas autónomos de entre 7.500 e 10.000 euros; e outra para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego xuvenil, cunha contía de 1.200 euros. O prazo de presentación de solicitudes estenderase ata o 30 de setembro de 2016.
Contratación indefinida
Por outra parte, cunha orde que conta cun orzamento de 500.000 euros, a Xunta subvencionará tamén aos autónomos galegos a contratación indefinida de tres persoas traballadoras nos tres primeiros anos de actividade. Trátase de favorecer a creación de novos empregos estables e a inserción laboral dos desempregados, así como contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, Por último, a Consellería investirá 250.000 euros para financiar os gastos de funcionamento das entidades asociativas dos autónomos, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral.
Estas catro programas enmárcanse dentro do programa integral de apoio ao emprendemento no que a Xunta destinará en 2016 máis de 40 millóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario