O Certame de Poesía Concello de Carral celebra a súa décimo novena edición co apoio da Consellería de Cultura e Educación
As persoas interesadas en participar poderán presentar os seus poemarios en galego ata o vindeiro 9 de abril de 2016
Ademais do premio en metálico, que incrementa este ano a contía, o certame edita a obra gañadora na colección Espiral Maior coa colaboración das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura
Infogauda / Carral (A Coruña)
O Certame de Poesía Concello de Carral celebra unha nova edición, a décimo novena, co obxectivo do seguir impulsando a creación literaria en lingua galega. As bases do premio foron presentadas esta mañá na localidade coruñesa polo alcalde do municipio, José Luis Fernández; polo editor e escritor, Miguel Anxo Fernán Vello, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen recordou o interese da Consellería de Cultura e Educación por “continuar apoiando convocatorias literarias que favorezan a escrita poética en galego e que sirvan de plataforma para a difusión dos nosos autores e autoras”.
Na rolda de prensa, que tivo lugar na Casa da Cultura de Carral, o titular de Cultura incidiu tamén no prestixio acadado polo certame ao longo de case dúas décadas, que atribuíu, en gran medida, ao éxito de participación, con preto de 700 obras que concorreron ao certame durante as 18 edicións celebradas; ao rigor e profesionalidade dos diferentes xurados e tamén ás destacadas voces literarias que acadaron o galardón, entre os que se inclúen, entre outros, Rafa Villar, Isidro Novo, Marcos Calveiro, Oriana Méndez e Eva Veiga, quen se fixo coa décima oitava edición do certame coa obra ‘Soño e vértice’.
Chegada aos lectores
A publicación deste poemario de Eva Veiga será presentada o vindeiro 27 de maio nun acto no que tamén se fará entrega do premio da décimo novena edición. En relación á publicación da obra gañadora, co apoio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, Anxo Lorenzo gabou a posibilidade de dar a coñecer os traballos premiados, de xeito que se facilite a súa divulgación e a chegada aos lectores e lectoras. “Esta difusión faise a través dunha colección de referencia en Galicia e no ámbito estatal como é a da editorial Espiral Maior”, afirmou o secretario xeral.
Ademais, referiuse ao certame como un exemplo do traballo que desde as administracións locais se vén realizando a prol da literatura, da lingua e da cultura galegas. “Son numerosos os concellos que día a día dedican parte do seu esforzo e do seu traballo a dinamizar as diferentes expresións culturais, así como a ofrecer unha programación ampla e de calidade, o que constitúe un valioso labor para o desenvolvemento cultural da nosa terra”, concluíu.
Presentación de obras ata o 9 de abril
Xunto coa publicación do poemario, o premio está dotado cunha contía económica de 2.500 euros, que se incrementa este ano en 500 euros respecto de anteriores edicións. As persoas maiores de idade interesadas en participar poderán presentar as súas obras orixinais e inéditas, escritas en galego e cun mínimo de 500 versos, desde hoxe e ata o vindeiro 9 de abril de 2016.
A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con diversos certames literarios que promoven a creación poética en galego, entre os que tamén se inclúen, xunto co do Concello de Carral, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía de Negreira Xosé M. López Gómez ‘Ardeiro’ e o Premio de Poesía Afundación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario