Tui recibe a un grupo de corenta alumnos e profesores de dez países que participan nun curso Erasmus
“Creación de experiencias turísticas en áreas transfronteirizas” centra o seu traballo
Foto: C.T.
Infogauda/Tui
Este martes, 5 de maio, a Eurocidade Tui-Valença acolleu a visita dun grupo de 37 alumnos e tres profesores, de dez nacionalidades distintas, que participan na iniciativa sobre “Creación de experiencias turísticas en áreas transfronterizas” que propón analizar unha transformación no modelo de desenvolvemento turístico do territorio. Fronte ao enfoque tradicional, centrado nun único destino e frecuentemente xerador de fenómenos de sobrecarga, apóstase por un modelo policéntrico baseado na cooperación entre territorios, a valorización dos recursos locais e a creación de redes de destinos complementarios, tomando como exemplo referencias a Eurocidade Tui-Valença.
Esta iniciativa esta liderada polo Instituto Politécnico de Viana do Castelo coa profesora Mª Carmen Pardo López. Participan amais as universidades Mediterranean University of Albania, de Albania; Dzemal Bijedic University of Mostar e University of Sarajevo de Bosnia e Herzegovina; Ilmenau University of Technology de Alemaña; Krakow University of Economics de Polonia; Atlantic Technological University de Irlanda; Free University of Bolzano de Italia; Universidade de Vigo e Bialystok University of Technology de Polonia.
Alumnado e profesorado foron recibidos no salón de sesións da Casa do Concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro González, e pola concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez. O rexedor tudense, explicoulles as características da cidade e coma “este espazo transfronteirizo supón unha enorme oportunidade”. Deu conta da constitución da Eurocidade Tui-Valença e dos proxectos nos que están a traballar conxuntamente a ambos lados do Miño coma o FarPax, respondendo amais as preguntas plantexadas polo propio alumnado. Concluía Enrique Cabaleiro indicando que “temos unha longa tradición de cooperación entre Galicia e Portugal, e iso redunda na idea de que entendemos as relacións coma unha cuestión de cooperación para pode seguir progresando”.
Tras a recepción na casa do concello alumnado e profesorado realizaron unha visita ao conxunto histórico de Tui, que servirá de base para que as persoas participantes nesta iniciativa elaboren un traballo propondo experiencias turísticas na Eurocidade.
Este Blended Intensive Program (BIP) ten como obxectivo dotar o alumnado dos coñecementos e as habilidades para deseñar experiencias turísticas innovadoras, sostibles e comunitarias en zonas rurais transfronteirizas, inspiradas nos conceptos de Turismo Policéntrico e de Sinatura desenvolvidos no marco do Proxecto POST (Programa da Área Atlántica).
A través dunha combinación de actividades virtuais e presenciais, os participantes explorarán métodos de cooperación territorial en concreación con actores locais para o deseño de experiencias, fomentando unha comprensión profunda do turismo como motor da cohesión rexional e a sustentabilidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario