20 de nov. de 2015

PONTEVEDRA

Calculan que segundo os datos dos que dispoñen, van recibir un 33% menos ca o que recibían co anterior goberno

Os alcaldes do PP acusan á Deputación de falsear os datos do Plan Concellos 2016 

Hai concellos da provincia que dispoñen xa de un informe de Intervención onde se certifica que os datos comparados que se enviaron desde a Deputación son falsos 

Alcaldes, concelleiros e deputados provinciais do Partido Popular, concentráronse diante da Deputación Provincial de Pontevedra
Foto: P.P.

Infogauda / Pontevedra

 Os 30 alcaldes do Partido Popular da provincia, reuníronse na mañá deste venres día 20 de novembro, ás portas da Deputación de Pontevedra para entregar por rexistro un escrito no que solicitan que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebre unha reunión con todos os alcaldes da provincia, para explicarlle “á cara”, cales son os criterios de reparto, que conceptos están incluídos, e que explique que cantidade se lle vai dar verdadeiramente a cada concello, posto que os datos enviados, nos que se asegura que con este novo reparto os concellos van recibir máis, non coincide con datos de 2015 aos que na carta se fai referencia.  

 Moitos dos concellos da provincia dispoñen xa dun informe de intervención e tesourería onde se demostra que os datos que lle foron facilitados, cunha comparativa entre o que cada concello percibiu en 2015 e o que van a percibir en 2016, cos novos criterios de reparto, son falsos.  Nesta liña, a voceira provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, asegura que segundo os datos que neste momento teñen en cada concello, estes van a recibir de media un 33% menos que co anterior goberno do Partido Popular, “e mentres tratan de enganarnos, e enganar á opinión pública”. 

 Acusan ademais á presidenta da Deputación de actuar ao revés do que eles presumen, con oscurantismo e de forma pouco transparente. “A realidade non é que apoian aos concellos, senón todo o contrario, están menosprezando a cada concello desta provincia”.  

 Segundo explicaron os voceiros populares, “os concellos non están conformes con este plan desde o momento no que se realizou sen contar cos propios concellos, sen saber cales eran as nosas necesidades e por actuar a golpes e improvisando”.  

 Ángel Moldes advertiulle á presidenta da Deputación de Pontevedra que moitos secretarios e interventores dos diferentes concellos xa están certificando que os datos que desde a Deputación de Pontevedra se enviaron son falsos. “Se tanto complexo ten do anterior presidenta da Deputación, o primeiro que debería facer é enviar os datos reais e obxectivos”.  

 “Seguramente non lle interesaba dar os datos reais, pero iso é tomarlle o pelo aos alcaldes e sobre todo á cidadanía”, incidiu Nidia Arévalo. Nesta mesma liña incidiu o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que falou como voceiro dos alcaldes. “Puxeron de presidenta da Deputación a unha persoa que non cre nos concellos nin na provincia, que só cre en Vigo e que debe pensar que os concellos da provincia son parroquias de Vigo, pero nunca máis lonxe da realidade. E en Vigo funcionaralle pero na provincia non”.  
 ORZAMENTOS 
 Outro exemplo de falta de transparencia e colaboración, é para a voceira popular, o feito de que a presidenta da Deputación oculte os presupostos áo grupo do Partido Popular, o partido maioritario na administración provincial. “Convocou comisións e un dos puntos do día era a presentación de presupostos, e sen embargo, non nos deron os presupostos ao Partido Popular, pero si os presentaron ante os medios de comunicación”.  

 “O único que lle interesa é a política de cara á galería, pero non se preocupan de xestionar e de deixar que o partido da oposición lle fiscalice o seu traballo, quizais porque teñen moito que ocultar”, consideran os deputados populares. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario