O Comercio pontevedrés debate na vila de A Guarda sobre emprendemento e novas tecnoloxías como claves do futuro do sector
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou nun taller organizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio no que diferentes empresas presentaron as súas experiencias de éxito baseadas na innovación
A iniciativa estase a desenvolver nas catro provincias galegas, achegando información sobre as distintas ferramentas a disposición dos comerciantes
Sol Vázquez Abeal - a esquerda da imaxe - no Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica
Foto: X. G.
Infogauda / A Guarda
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en A Guarda nun Taller de Emprendemento e Creatividade Tecnolóxica, organizado pola Federación Galega de Comercio en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, no que se debateu sobre as iniciativas emprendedoras, o smart commerce e as novas tecnoloxías como claves do futuro do sector.
No Taller, que tivo lugar na sede de ACIGU, achegouse información sobre as distintas ferramentas a disposición dos comerciantes, ao tempo que as empresas Coser y Cantar, Joyería Alonso, Perfumerías Chévere e Altamar presentaron as súas experiencias de éxito.
O obxectivo da iniciativa, que se está a celebrar nas catro provincias galegas, é transmitir información e exemplos de aptitudes que permitan ao comercio de proximidade responder aos diferentes desafíos e oportunidades, achegando medios para impulsar a súa competitividade a través do emprego de novas canles de promocion e venda, fidelización e coñecemento do consumidor.
A aposta polo comercio intelixente (smart commerce), establecendo un novo modelo de comercio que sitúe o cliente no centro da súa estratexia, é un dos eixos do novo Plan de Impulso ao Comercio de Galicia, no que se aposta por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando o comercio electrónico e novas fórmulas de comercialización dos produtos, así como de mellora do seu deseño e presentación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario